Rueda avanza que a Xunta aprobará mañá un investimento de preto de 20 millóns de euros para as entidades sociais de Galicia

Valora que esta partida provén da solidariedade dos cidadáns que marcan o recadro social da súa declaración do IRPF
 

Defende que Galicia debe seguir reforzando a súa rede de protección social para arroupar a todos os cidadáns
 

Ordes (A Coruña), 3 de agosto de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hoxe que a Xunta aprobará mañá un investimento de preto de 20 millóns de euros para as entidades sociais de Galicia. Con esta partida poderán desenvolver programas destinados ás persoas maiores ou con discapacidade, ás familias en risco de exclusión e a outros colectivos que o necesitan.

 

O titular do Executivo galego puxo en valor que esta partida provén da solidariedade dos cidadáns, que marcan o recadro social da súa declaración do IRPF. Rueda enmarcou este investimento dentro da aposta da Xunta por que Galicia siga reforzando a súa rede de protección social para arroupar a todos os cidadáns.

 

Fixo estas declaracións durante unha visita ao novo centro sociocomuntario Isabel Zendal de Ordes que o Goberno galego axudou a construír cun orzamento de 360.000 euros e que permitirá ofrecer un lugar de encontro para as persoas maiores e a xuventude desta localidade ademais de albergar o punto de atención temperá financiado pola Xunta de Galicia.

 

A esta media únense outras actuacións como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que permite que 25.000 maiores reciban coidados nas súas casas (100 M€); ao programa Xantar na Casa, que en Ordes chega a 30 persoas, pero que en toda Galicia alcanza xa os 1.800 beneficiarios; aos Coidados Porta a Porta, que xa leva 11.000 usuarios atendidos en todos os concellos agás as 7 cidades galegas; e ás Casas do Maior, cos que se sumarán 500 prazas de balde para atención dos maiores no rural.

 

Centro sociocomunitario Isabel Zendal

O presidente da Xunta visitou o novo centro sociocomunitario Isabel Zendal, que abriu recentemente as súas instalacións – tras un investimento de 910.000 euros, dos que 360.000 foron achegados pola Xunta- e que acolle diferentes tipos de actividades para todos os grupos de idade.

Imaxes relacionadas