O Centro Dramático Galego e Ainé inician os ensaios da súa produción ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’ sobre o mundo do fútbol

Baixo a dirección de Tito Asorey, os actores Manuel Cortés, Christian Escuredo, Xoán Fórneas, Isabel Garrido, Xosé A. Touriñán e Sergio Zearreta daranlle vida aos personaxes desta proposta lúdica, crítica e musical sobre a cara oculta do deporte
 

O espectáculo estréase o 29 de setembro no Salón Teatro de Santiago como inicio da temporada 2022-2023 da compañía da Xunta, con tres títulos nos que aposta por novos modelos de produción e distribución
 

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2022

O Centro Dramático Galego e Ainé acaban de iniciar os ensaios da súa produción Recortes, caneos e outras formas de driblar, coa que arranca a nova temporada 2022-2023 da unidade teatral da Xunta de Galicia. Baixo a dirección de Tito Asorey, o espectáculo ofrecerá un percorrido lúdico, crítico e musical polo mundo do fútbol, con Manuel Cortés, Christian Escuredo, Xoán Fórneas, Isabel Garrido, Xosé A. Touriñán e Sergio Zearreta nas interpretacións.

 

A proposta escénica estase a construír a partir da investigación do xornalista Nacho Carretero sobre a cara oculta deste deporte de masas, con dramaturxia de José L. Prieto e o asesoramento do propio Carretero, e chegará aos escenarios a partir do vindeiro 29 de setembro, data da súa estrea no Salón Teatro de Santiago de Compostela.

 

O equipo conta tamén con Sara Rey na asistencia á dirección, Vadim Yukhnevich na composición musical, José Faro Coti a cargo do espazo escénico, Laura Iturralde no deseño de iluminación e audiovisuais, Laura Baena no de vestiario e Rosa Moledo no asesoramento lingüístico.

 

Recortes, caneos e outras formas de driblar transitará entre o cómico e o dramático para recrear un de tantos partidos do século e todo o que o rodea, levando a escena xogadores, adestradores, xornalistas, directivos, seareiros e demais personaxes do espectáculo futbolístico. Trátase do primeiro dos tres títulos do plan de produción do Centro Dramático Galego para a nova temporada, na que aposta por novos e diferentes modelos de produción e distribución para chegar á maior cantidade de público posible e crear novas audiencias e sinerxías co sector.

Imaxes relacionadas