O conselleiro do Medio Rural asistiu nesta vila á LXX edición deste evento enoturístico

A Xunta reitera o seu compromiso a prol do sector do viño no marco da Festa do Albariño de Cambados

José González puxo en valor as diferentes iniciativas impulsadas polo Goberno galego para apoiar este eido produtivo
 

Así, salientou a Estratexia sectorial, as axudas para o fomento desta actividade, que nas últimas convocatorias suman preto de oito millóns de euros e medidas legais de apoio, como a futura Lei de calidade alimentaria ou a Lei de recuperación da terra
 

Cambados (Pontevedra), 3 de agosto de 2022.- O conselleiro do Medio Rural, José González, reiterou hoxe na LXX Festa do Albariño de Cambados o compromiso da Xunta cos viños da denominación de orixe Rías Baixas en particular e cos das diferentes zonas de produción de toda Galicia en xeral.

 

O titular de Medio Rural, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, puxo en valor as diferentes iniciativas impulsadas polo Goberno galego para apoiar este sector. Así, mencionou en primeiro lugar a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia. O seu obxectivo -lembrou- é o de consolidar o viño galego nos mercados nacional e internacional e potenciar tanto a imaxe de marca e identidade como o turismo vinculado aos territorios nos que se produce.

 

A Estratexia, incidiu González, artéllase en diferentes accións estruturadas en sete eixos estratéxicos, entre os que salientan a cooperación, o fortalecemento da industria vitivinícola, a comercialización, o enoturismo e as sinerxías entre o viño e o patrimonio natural, cultural e paisaxístico.

 

Axudas ao sector

Ao tempo, o conselleiro destacou tamén as diferentes liñas de axudas que xestiona o seu departamento e que están centradas neste eido produtivo. Achegas que nas últimas convocatorias suman preto de oito millóns de euros e que se destinan por exemplo a impulsar a reconversión de viñedo, a apoiar a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas ou á promoción deste produto en terceiros países (fóra da Unión Europea).

 

José González fixo referencia ademais a iniciativas lexislativas, caso da futura Lei da calidade alimentaria, que van ter unha repercusión positiva no sector do viño. Nesta mesma liña, o conselleiro salientou tamén a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que ten entre os seus obxectivos ampliar a base territorial das diferentes denominacións de orixe. No caso de Rías Baixas, lembrou, solicitáronse por parte desta denominación máis de 2.200 hectáreas para desenvolver mediante polígonos agroforestais de viñedo, unha figura creada por esta norma.

Imaxes relacionadas