A Xunta adquire un novo mamógrafo para o Hospital Abente y Lago por un importe de 196.000 euros

O investimento forma parte dun contrato para renovar catro mamógrafos en toda Galicia, por preto de 800.000 euros

No Hospital Abente y Lago, no pasado ano, foron exploradas, dentro do programa galego de detección do cancro de mama nesta unidade, 31.497 mulleres, cunha participación do 79,8%
 

A Coruña,  3 de agosto de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou, esta semana, a unidade de mama do Abente y Lago, con motivo da adquisición, por parte da Xunta, dun novo mamógrafo para este centro sanitario da rede sanitaria pública galega, aparataxe ao que destina 196.000 euros. No acto, o representante do Goberno galego estivo acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, polo director de Procesos Asistenciais, Antón Fernández e pola directrora de Procesos de Soporte, Pastora Rodríguez.

 

Este novo equipamento para o Hospital Abente y Lago, forma parte dun contrato para renovar catro equipos de mamografía dixital destinados ao cribado mamográfico do Programa galego de detección precoz do cancro de mama. Os novos equipos, nos que a Xunta de Galicia investirá preto de 800.000 euros, estarán dotados da tecnoloxía dixital 3D (tomosíntese), que reduce a superposición de tecidos, mellorando a taxa de detección e reducindo o número de biopsias.

 

Este investimento forma parte dos máis 90 millóns de euros que os Orzamentos da Xunta de 2022 contemplan para a renovación e ampliación de equipamento tecnolóxico na sanidade pública galega (equipos de ecografía, bloques cirúrxicos e diagnóstico por imaxe). Esta aposta nos Orzamentos deste ano continúa á xa efectuada en 2021, cun Plan de renovación e modernización do equipamento sanitario dotado con 60 millóns de euros, que permitiu a compra de sete sistemas cirúrxicos robotizados Da Vinci e 37 equipos radiocirúxicos.

 

Alta participación

Sinalar que o Programa galego de detección precoz do cancro de mama púxose en marcha no ano 1992 e foise estendendo ata cubrir, no ano 1998, o 100% da poboación obxectivo. Ata o ano 2004, a poboación diana a constituían as mulleres residentes en Galicia de 50 a 64 anos. Seguindo as directrices da Unión Europea, a partir do ano 2005 o Programa comezou a ampliación progresiva do grupo de idade ata os 69 anos, obxectivo que se acadou no 2009.

 

Un dos indicadores principais de resultados é a participación, no período 1992-2019 realizáronse en total 2.704.969 exploracións. A participación global obtida foi do 79,2%. O obxectivo de participación aceptable establecido polas “Guías Europeas de Garantía de Calidade en Cribado e Diagnóstico Mamográfico” é do 70%, acadado polo Programa en todo o período, e o obxectivo desexable é do 75%, conseguido polo programa a partires do ano 2006 de maneira continuada.

 

En concreto, no Hospital Abente y Lago, ten en funcionamento para este programa dous mamógrafos, e no pasado ano, foron exploradas 31.497 mulleres, cunha participación do 79,8%.

 

Taxa de detección

No que atinxe aos resultados da proba de cribado, no período 1992-2019 no conxunto de Galicia, indicóuselles unha valoración clínica adicional ao 2,9% das mulleres exploradas. No resto das mulleres obtívose un resultado normal da exploración mamográfica.

 

No que se refire á taxa de detección de cancro de mama, no período 1992-2018 diagnosticáronse en total 9.382 cancros entre as pacientes remitidas aos hospitais para estudo, unha taxa de detección de 3,68 cancros por 1.000 mulleres exploradas. A taxa de detección (datos provisionais) para o período xaneiro-decembro de 2019 é de 4,46‰.

 

Nun estudo de supervivencia levado a cabo en mulleres galegas do grupo de idade do programa e diagnosticadas de cancro de mama no período 1996-2009, constatouse que as mulleres diagnosticadas polo programa presentaron mellores resultados que as diagnosticadas ao marxe do programa, cunha supervivencia relativa aos cinco anos do 96,6 % e 83,1% respectivamente.

 

Polo que respecta ó impacto na mortalidade por cancro de mama en mulleres de 50-69 anos (grupo de idade diana do programa), producíronse 910 menos das esperadas, o que representa una diminución maior do 20% dos casos observados fronte ao que podería esperarse en ausencia de cribado poboacional.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. de Sanidade