A Xunta publica o acordo de reestruturación parcelaria da zona de Fisteus, no concello coruñés de Curtis, tras investir máis de 4,5 millóns de euros

O Diario Oficial de Galicia fai público hoxe o anuncio pertinente da Consellería do Medio Rural, sobre esta reorganización territorial que afecta a unha superficie total de 3.503 hectáreas

A día de hoxe, este é o proceso con maior superficie que está desenvolvendo a Consellería do Medio Rural, e o primeiro nesta localidade coruñesa

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se comunica a aprobación do acordo de reestruturación parcelaria da zona de Fisteus, no concello coruñés de Curtis, que afecta a unha superficie de 3.503 hectáreas. 

 

Este paso supón a determinación dos predios de reemprazo cos novos titulares, coa superficie resultante da reorganización e coa nova clasificación da terra, nun proceso que ata agora supuxo un investimento superior aos 4,5 millóns de euros por parte da Xunta.

 

Así, un total de 9.984 parcelas achegadas ao proceso por un total de 1.075 propietarios transformáronse en 2.011 leiras de substitución. A superficie media dos novos predios acada agora os 17.981 metros cadrados, que contrastan cos 3.509 m² de media das parcelas iniciais. Deste xeito, esta zona pasa dunha media de 9,29 parcelas por propietario a unha de 1,72 predios de substitución por propietario.

 

Contra esta resolución, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural, dentro do prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación persoal ou, no seu defecto, da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

 

Cabe engadir que este proceso de reordenación é o primeiro que se acomete en Curtis. Ademais, a gran cantidade de hectáreas e de parcelas achegadas converten a zona de Fisteus na de maior superficie de todas as levadas a cabo actualmente pola Consellería do Medio Rural.

 

Enlace ao anuncio no DOG: