A Xunta amplía os espazos deportivos e de ocio ao aire libre do Gaiás con oito hectáreas de novas áreas verdes que inclúen unha pista BMX e un labirinto

Con esta última intervención o Bosque de Galicia suma en total preto de 40 hectáreas de zonas verdes e 6 quilómetros de sendeiros, ademais dun novo mirador

A ladeira sur da Cidade da Cultura conta cunha nova pista recreativa para a práctica do ciclismo BMX cun grao de dificultade medio e 400 metros de lonxitude

Ao sueste das Torres Hejduk atópase un labirinto de 500 metros cadrados construído con lousas de formigón procedentes da obra do Edificio Fontán

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, apunta que o Monte Gaiás consolídase como “un gran pulmón para Santiago” e como espazo “con múltiples posibilidades para o tempo de lecer no exterior”
 

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou esta tarde a ampliación do Bosque de Galicia na zona sur da Cidade da Cultura, oito novas hectáreas de superficie verde equipadas cunha pista de BMX, un labirinto construído con lousas procedentes da obra do Fontán, unha rede de sendeiros para pasear e un miradoiro, instalacións abertas xa ao público.

 

“Esta nova zona completa as intervencións da Xunta nas ladeiras do Monte Gaiás para desenvolver o Bosque de Galicia, unha extraordinaria área verde de 40 hectáreas de superficie total e máis de 12.000 árbores que se converte nun dos grandes pulmóns da cidade de Santiago”, apuntou o titular de Cultura do Goberno galego, quen destacou tamén as múltiples posibilidades para o tempo de lecer que ofrece o Gaiás nos seus exteriores.

 

Os traballos para crear o Bosque de Galicia leváronse a cabo en tres fases diferentes. Así, as oito hectáreas da ampliación rematadas agora súmanse ás 20,8 acondicionadas na primeira fase e ás 9,9 na segunda. O resultado é un bosque con máis de 12.000 árbores de especies autóctonas, unha superficie que se achega ás 40 hectáreas e unha rede de sendeiros de seis kilómetros.

 

Pista BMX e labirinto

A pista BMX está localizada sobre un outeiro artificial na ladeira sur do Gaiás formado pola acumulación de materiais procedentes da obra da Cidade da Cultura. O circuíto conta con 400 metros de lonxitude sendo axeitado para a práctica do ciclismo nesta modalidade, aínda que non se trata dunha pista de carreiras oficial. Para a súa construción tivéronse en conta as consideracións de seguridade recollidas pola da Unión de Ciclistas Internacional.

 

Trátase dunha instalación composta por treitos rectos, curvas e pavimento rugoso para evitar esvaróns cun grao de dificultade medio e apta para o seu uso a partir dos 14 anos.

 

Para a estrea da pista deportiva contouse cunha exhibición de riders nas modalidades de BMX, Dirt Jump e DH, cun espectáculo desenvolvido por Parámetro Urbano, os organizadores do Festival Rompetiño Jump de Porto do Son.

 

Ao sueste das Torres Hejduk sitúase a modo de intervención escultórica un labirinto de 500 metros cadrados asentado nunha depresión artificial, a xeito de cráter, construída nun pequeno outeiro. A área componse de vinte lousas de formigón armado que conformaban a estrutura anterior onde hoxe se asenta o Edificio Fontán, dando deste xeito uso aos materiais das distintas intervencións que se realizan no complexo. Os espazos entre as lousas complétanse con muros vexetais, integrándose no espazo.

 

Os parques e xardíns do Gaiás

Ademais do Bosque de Galicia, a Cidade da Cultura conta con outros espazos exteriores, como o Parque da Balea —área de xogos infantís que homenaxea a Urbano Lugrís—, o Parque do Lago —con máis de 5 hectáreas de natureza e próximo ao Monte Viso—, o Xardín do Teatro —cun anfiteatro ao aire libre con capacidade para 400 persoas, rocódromo e parque de skate— e o Xardín Literario —dedicado a escritores e poetas galegos—.