O Sergas publica a baremación provisional do concurso de méritos para o ingreso na categoría de facultativo especialista de atención primaria

Participan un total de 355 persoas aspirantes para un total de 106 prazas ofertadas
 

Do total de persoas aspirantes, 74 non teñen vinculación actual no Sergas
 

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2022

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución pola que se publica a puntuación provisional do proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso como persoal fixo á categoría de facultativo especialista de atención primaria. En tan só tres meses dende a convocatoria, o Tribunal xa ten realizado a baremación provisional de todos os aspirantes.

 

O Servizo Galego de Saúde, coa finalidade de diminuír o moi grave déficit de persoal médico de familia mediante a incorporación urxente do primeiro grupo de profesionais da nova categoría, é pioneiro na utilización do sistema de concurso, seleccionando a médicos/as valorando o se currículum profesional atendendo á avaliación continua e garantía de capacidade e coñecementos que outorga o sistema de formación especializada en ciencias da saúde, sen realización de exercicios de oposición.

 

Coa utilización deste sistema, conséguese a incorporación de persoal fixo ao organismo en prazos moi breves. Indicar que en tan só tres meses dende a convocatoria, o Tribunal xa ten realizado a baremación provisional de todos os aspirantes, estando previsto resolver o proceso a finais do mes de setembro.

 

Todos os profesionais seleccionados neste proceso, deberán incorporarse ao servizo activo no destino adxudicado, e de non facelo quedarán sen efecto todas as súas actuacións no proceso. Neste suposto, chamarase novos/as aspirantes, no número que corresponda e pola orde de prelación da lista definitiva, que serán seleccionados/as e nomeados/as persoal estatutario fixo da categoría, garantindo así a cobertura do 100% das prazas convocadas.

 

No suposto de que algunha das prazas sexan adxudicadas a profesionais que xa prestan servizos no SERGAS, as vacantes que deixen estes profesionais serán ofertadas a aqueles médicos/as que non obteñan destino fixo neste proceso, conseguindo así emprego estable aos especialistas recén titulados.

 

Participan neste proceso 355 persoas aspirantes, para cubrir un total de 106 prazas. Do total de persoas aspirantes, 74 non teñen vinculación actual no Servizo Galego de Saúde.

 

Tense enviado SMS e un correo electrónico a todos os participantes, informando da publicación realizada no día de hoxe. As listaxes atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), no apartado Emprego Público-OPE-Oferta pública de emprego-OPE 2022. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

 

Contra os resultados da baremación provisional, os aspirantes disporán dun prazo de reclamacións de cinco días hábiles (do 3 ao 9 de agosto ambos incluídos).

 

Habilitouse un enderezo de correo electrónico no que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposiciones@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións.

 

Próximas publicacións

Rematados os prazos de reclamación previstos, publicaranse no Diario Oficial de Galicia as puntuacións definitivas do concurso e a relación de aspirantes seleccionados.

Imaxes relacionadas