A Xunta apoia a VI edición do Sacrafestival 2022, cunha proposta de diálogo entre as artes e a natureza

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na presentación do evento que entre o venres e o sábado aglutina distintas actividades na Ribeira Sacra lucense

Chantada (Lugo), 2 de agosto de 2022

A VI edición do Sacrafestival 2022 arranca esta semana nas localidades de Chantada e Monforte cunha serie de actividades culturais que unen arte e natureza e que contan co apoio da Xunta de Galicia. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, que participou na presentación do evento, convidou á cidadanía a achegarse entre o venres e o sábado á Ribeira Sacra para gozar das distintas propostas artísticas que se desenvolverán ao abeiro desta cita xa consolidada no panorama cultural do verán en Galicia. No acto tamén estiveron a directora artística do festival, Carlota Pérez, así como o alcalde do concello de Chantada, Manuel L. Varela, e a xerente da rede museística de Lugo, Encarna Lago.

 

Nestes dous días o Sacrafestival contará cunha programación de nove actividades distintas entre as que cómpre destacar un proxecto de fotografía e transformación social, un espectáculo multidisciplinar e inclusivo, outro de danza e varios concertos, que se desenvolverán en tres localizacións que son o Pazo de Tor en Monforte e a adega Vía Romana e o lugar de Pincelo, ambos en Chantada.

 

Propostas para todos os públicos

Ademais das propostas para o público adulto, o festival contempla actividades específicas destinadas ao público infantil e xuvenil a través do proxecto A pequena Bauhaus, unha fábrica de creación na que participan rapaces de 7 a 14 anos dirixidos por artistas consolidados co fin de implantar unha marca de deseño baseada na súa primeira colección, na escola da Bauhaus en Alemaña.

 

Tamén no marco do Sacrafestival, desde o mes de marzo desenvólvense actividades de formación artística coa participación de destacados creadores locais e nacionais como María Gar, Oliver Laxe, Guillermo Weickert, Sebastián Uría, Javier Collado, Rebeca Ponte, Alma García e Vari Caramés.