A Xunta apoia a nova dirección de Culturgal na reformulación do modelo de feira

O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reúnese co presidente da asociación Culturgal, Víctor López, e coa nova directora do evento, Eva Alonso, para abordar as principais liñas de traballo cara á 15ª edición que se celebrará do 25 ao 27 de novembro

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2022

A organización de Culturgal está a aproveitar o verán para ultimar os detalles dunha 15ª edición na que a súa nova dirección procurará a renovación do modelo feiral, o impulso da comunicación e a potenciación do encontro entre o sector cultural e o público. Para acadar estes e outros obxectivos, o evento que terá lugar en Pontevedra do 25 ao 27 de novembro conta un ano máis co apoio económico da Xunta de Galicia.

 

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, trasladoulles este compromiso do Goberno autonómico ao presidente da asociación Culturgal, Víctor López, e á nova directora da feira, Eva Alonso, na xuntanza que mantiveron na Cidade da Cultura. Nela, abordáronse as liñas de acción e prioridades para este 2022, que se darán a coñecer na primeira quincena de setembro, momento en que tamén se abrirá o prazo para que empresas, entidades e axentes culturais reserven o seu espazo no recinto feiral de Culturgal.   

 

Xornada previa para profesionais

Entre as novidades previstas, destaca a ampliación do programa ao sumarlle unha xornada previa destinada en exclusiva a axentes sectoriais. Culturgal celebrará así o xoves 24 de novembro un programa específico para atraer un maior número de profesionais e servir de cruce de camiños entre as distintas disciplinas creativas para propiciar deste xeito o nacemento de novos proxectos.

 

Este é un dos propósitos para a 15ª edición, cuxa dirección asume Eva Alonso tras resultar seleccionado o seu proxecto na convocatoria aberta este ano para anovar o modelo feiral. A reformulación implica un novo deseño de programación que están a concordar a dirección e as entidades que forman a asociación Culturgal: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi). O obxectivo último é afondar na calidade das propostas e alcanzar unha maior implicación do público nas actividades.

 

Culturgal contará un ano máis coa implicación da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para actuar como un espazo no que artistas e empresas entren en contacto directo con profesionais da xestión cultural, programadores e institucións. Ao tempo, o evento ofreceralle tamén ao público unha escolma representativa da nosa produción cultural nos eidos da literatura, a escena, o audiovisual e a música.

Imaxes relacionadas