A Xunta contrata o anteproxecto do novo instituto de Navia, único paso que se pode avanzar mentres o Concello de Vigo non asine o convenio para a cesión dos terreos

Fernández-Tapias reitera ao alcalde por carta que axilice a formalización do convenio porque de non facelo sería inviable a licitación do proxecto de construción e suporía a perda da dotación económica prevista nos Orzamentos a Xunta deste ano
 

A delegada territorial sinala que o Goberno galego continúa avanzando no proceso para facer realidade canto antes esta infraestrutura educativa esencial para a cidade
 

O anteproxecto de edificación, que estará concluído a finais de outubro, é a fase na que se fixan os aspectos funcionais, construtivos e económicos da obra
 

Vigo, 2 de agosto de 2022

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tappias, informou hoxe de que o Executivo autonómico ten xa contratado o anteproxecto de construción e o estudo topográfico do novo instituto IES de Navia, mentres sigue á espera de que o Concello vigués formalice o convenio para a cesión dos terreos, condición necesaria para a súa execución.

 

Así pois, a Administración galega continúa coa folla de ruta para avanzar nesta nova infraestrutura educativa que suporá un investimento estimado de 12M€ de fondos autonómicos. “Nestes momentos -advertiu Fernández-Tapias- o anteproxecto é o único paso adiante que pode ir dando a Administración autonómica mentres o Concello non asine dito acordo”.

 

O anteproxecto de edificación, que estará concluído a finais de outubro, é a fase na que os técnicos fixan os aspectos funcionais, formais, construtivos e económicos da obra co obxecto de proporcionar unha primeira imaxe global da mesma e establecer un avance orzamentario. Isto é, trátase dun esbozo dunha solución construtiva concreta posterior ao estudo preliminar previo de necesidades, que xa se está ultimando.

 

Paralelamente, a través dunha misiva, a delegada territorial vén de solicitar ao alcalde que axilice a formalización do convenio para a posta a disposición dos terreos e, deste xeito, poder continuar coa licitación e redacción do proxecto construtivo e a adxudicación das obras. Tal e como lle lembra Fernández-Tapias ao mandatario vigués, “a non sinatura do mesmo faría inviable a licitación do proxecto de construción e a conseguinte perda da dotación económica prevista nos Orzamentos a Xunta deste ano, o que poría en risco o proxecto”.

 

Cómpre lembrar que o pasado 28 abril a Xunta de Galicia remitiu ao Concello vigués a proposta dun convenio de colaboración para a cesión de terreos que agora xa son propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), así como para garantir os permisos municipais necesarios para acometer as obras.

 

Compromiso firme

O encargo do anteproxecto de edificación é unha proba máis do compromiso do Goberno galego con esta infraestrutura para a cal xa se dispón do instrumento urbanístico e do orzamento. A partir de agora, para axilizar os trámites e proceder canto antes á licitación do proxecto, cómpre a colaboración por parte do Concello de Vigo, que debe adherirse á proposta de convenio que lle foi remitida hai meses.

 

De acordo co plan funcional inicial, o novo instituto terá capacidade para arredor duns 700 alumnos e ocupará unha superficie total de preto de 8.200 metros cadrados construídos sobre unha parcela de 12.576 metros cadrados totais

 

Esta nova infraestrutura estará deseñada seguindo as especificidades académicas, tecnolóxicas e de sostibilidade recollidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta para todas as actuacións que se acometen en centros educativos.