A Xunta lembra aos afectados polos incendios de xullo que xa poden solicitar as axudas para a reposición de explotacións forestais, agrícolas e gandeiras

No encontro desta mañá cos rexedores de Oímbra, Verín, Vilardevós e Monterrei, o titular de Medio Rural lembrou os 4 millóns de euros en achegas convocados polo seu departamento o pasado venres
 

José González incidiu na importancia de avanzar na anticipación aos incendios con ferramentas como as da Lei de recuperación da terra, lembrando as aldeas modelo e polígonos agroforestais implementados en Oímbra, Monterrei, Cualedro e Riós
 

Pola tarde, os conselleiros do Medio Rural e de Promoción do Emprego e Igualdade reuniranse cos alcaldes de Vilariño de Conso, Chandrexa de Queixa e Laza, afectados polo lume que tamén entrou no Parque Natural do Invernadeiro
 

Oímbra (Ourense), 2 de agosto de 2022

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, mantivo esta mañá un encontro con alcaldes dos concellos de Oímbra, Verín, Vilardevós e Monterrei, para analizar os danos causados polos lumes forestais que o pasado mes de xullo entraron desde Portugal polas parroquias de Rabal, Videferre e San Cibrao, do primeiro dos municipios. Alí, recordáronlles que xa se poden solicitar os 4 millóns de euros en axudas convocadas pola Consellería do Medio Rural para a reposición de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras que se viran afectadas por estes incendios.

 

Tras a extinción destes tres lumes -que afectaron un total de 3.389 hectáreas- os esforzos centraranse agora na recuperación do solo e do potencial produtivo da zona. Nesa liña, o conselleiro lembrou a folla de ruta marcada desde hai máis dun ano a través da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que recolle figuras como as aldeas modelo -das que xa hai 19 aprobadas- e os polígonos agroforestais -10 xa iniciados e cinco en fase de actuacións previas-.

 

En total, máis de 5.000 hectáreas de terreo están sendo mobilizadas no primeiro ano de vixencia da Lei de recuperación, beneficiando case 7.000 propietarios dunhas 28.000 parcelas. Das figuras xa implementadas, varias contabilízanse na comarca de Verín. Así, canto a polígonos agroforestais, hai dous declarados de utilidade pública e en fase de elaboración do proxecto básico en Oímbra (22 hectáreas) e Cualedro (64 ha). Outros dous están tamén en proceso en Monterrei, parroquia de Vences (22 hectáreas) e en Riós, parroquia de Pousada (94 ha). Canto a aldeas modelo, cabe destacar a de Infesta, en Monterrei (36,35 hectáreas), a de Carzóa, en Cualedro (53,68 ha) e a de Pedrosa, en Riós (52 ha).

 
Axudas xa dispoñibles

Segundo a orde publicada o pasado venres no Diario Oficial de Galicia (DOG), lembrouse que as subvencións para explotacións forestais poderán concederse de cara á reposición das infraestruturas de titularidade privada situadas en terreos forestais e a maquinaria e equipamento forestal danados como consecuencia dos labores de extinción dos incendios. Tamén, para a madeira amoreada queimada e de corta, recollida e esteladura da madeira queimada non comercial ou traballos de sinalamento, cubicación e/ou taxación de madeira comercial en montes sen xestión pública, nas zonas afectadas polos lumes.

 

No que atinxe ás explotacións agrícolas e gandeiras, as axudas cubrirán a reposición dos bens, equipamentos, maquinaria, medios de produción, producións e gando ou colmeas danados, así como a subministración de alimentación complementaria de gando ou colmeas nas zonas afectadas polos incendios.

 

En todos os casos, as axudas tramitaranse en réxime de concorrencia non competitiva, cuns límites máximos que están fixados na convocatoria segundo o tipo de beneficiario. Estes topes oscilan entre os 3.000 euros (para cubrir os custos de alimentación de gando) e os 50.000 euros (para a maquinaria forestal danada en tarefas de colaboración na extinción dos lumes).

 
Pola tarde, en Vilariño de Conso

Pola tarde, os conselleiros do Medio Rural e de Promoción do Emprego e Igualdade, así como o director xeral de Defensa do Monte, desprazaranse ata Vilariño de Conso para reunirse cos alcaldes dos concellos afectados polo incendio forestal que se iniciou na parroquia de Pradoalbar e que tamén entrou nas localidades lindeiras de Laza e Chandrexa de Queixa. Un incendio que roldou as 7.000 hectáreas e que afectou o Parque Natural do Invernadeiro.

 

Este lume forestal foi un dos que se orixinou por mor dos raios, entre o 14 e o 15 de xullo. Tras días de intenso traballo para a súa extinción, boa parte deles refrescando a zona xa sen lapas para evitar reproducións, o lume deuse por sufocado o pasado venres.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural