A Xunta recibe 2 ofertas para as obras de mellora na estrada autonómica PO-315 en Cangas, cun investimento de máis de 265.000 €

A intervención realizarase entre os puntos quilométricos 10+100 e 10+380, e na entorna do 13+500, para reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios
 

Melloraranse os percorridos peonís con novas beirarrúas e unha pasarela
 

Reordenaranse as interseccións de acceso á praia de San Cibrán, os pasos de peóns e as paradas de autobús
 

Tamén se renovará a rede de pluviais e o alumeado
 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras
 

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2022

A Xunta recibiu un total de 2 ofertas para executar as obras de mellora na estrada autonómica PO-315, no concello de Cangas, que contan cun investimento de 265.477,51 euros.

 

A intervención realizarase en dous treitos, situados entre os puntos quilométricos 10+100 e 10+380 e na contorna do 13+500. O obxectivo é reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios e favorecer unha mobilidade máis sustentable.

 
As obras contan cun prazo de execución de 4 meses.

 

Os traballos, que se desenvolverán entre os puntos 10+100 e 10+380 ao seu paso pola parroquia de Aldán, prevén a mellora dos percorridos peonís, con novas beirarrúas accesibles e unha pasarela peonil aparellada a un pontón sobre o río para permitir a continuidade da beirarrúa.

 

Neste tramo incluirase, ademais, a reordenación das interseccións de acceso á praia de San Cibrán, dos pasos de peóns e das paradas de autobús, xunto coa renovación da rede de pluviais e o alumeado.

 

En canto ao segundo treito do proxecto, entre os puntos 13+200 e o 13+550, acometeranse tres actuacións puntuais para dar continuidade á beirarrúa actual, na parroquia de Darbo. Para isto, executarase en cada caso un pequeno muro de espigón.

 

As obras serán financiadas con fondos europeos REACT EU como parte de resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19 dentro do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.