A Xunta executará unha senda na estrada LU-612, ao seu paso por Mougán, no concello de Guntín

Habilitarase un novo itinerario co obxectivo de mellorar a seguridade viaria da estrada mediante a separación física do tráfico de vehículos e o peonil
 

Nunha primeira fase actuarase ao longo de 175 metros, executando unha senda cun ancho de 1,80 metros na contorna da igrexa parroquial de Mougán
 

Os traballos iniciaranse nas vindeiras semanas e suporán un investimento autonómico de máis de 45.500 euros
 

Prevese tamén a pavimentación das beiravías, canalización da drenaxe e a execución de 5 pozos de rexistro con sumidoiro para a recollida de augas pluviais
 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue a impulsar a construción de novas sendas co obxectivo de dotar os veciños de itinerarios que lle permitan facer os seus desprazamentos cotiás de xeito máis cómodo, seguro, sustentable e saudable

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 45.581 euros as obras para a execución dunha nova senda na estrada LU-612, ao seu paso por Mougán, no concello de Guntín.

 

Esta actuación, adxudicada á empresa Isidro Hnos Blanco Trigo S.L., ten como obxectivo a mellora da seguridade viaria da estrada mediante a separación física do tráfico de vehículos e do tráfico peonil, dándolle continuidade ao itinerario para peóns xa existente.

 

A actuación desenvolverase en dúas fases. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé iniciar as obras da primeira delas nas vindeiras semanas.

 

Máis concretamente, na primeira fase executarase un novo itinerario ao longo de 175 metros e cun ancho de 1,8 metros na contorna da igrexa parroquial de Mougán.

 

Para iso, levarase a cabo a demolición do pavimento actual para proceder á pavimentación das beiravías con 25 centímetros de zahorra e 15 de formigón reforzado con mallazo. Tamén se colocará bordo prefabricado de formigón de 22x15 centímetros e bordo exterior de delimitación en toda a lonxitude da senda.

 

Antes da execución do pavimento, prevese a canalización da drenaxe e a execución de 5 pozos de rexistro con sumidoiro para a recollida de augas pluviais.

 

Ademais, prevese a canalización do alumeado público coas súas arquetas correspondentes.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue a impulsar a construción de novas sendas co obxectivo de dotar os veciños de itinerarios que lle permitan facer os seus desprazamentos cotiás de xeito máis cómodo, seguro, sustentable e saudable.

Imaxes relacionadas