O presidente da Xunta asistiu á inauguración da ampliación da residencia de maiores de Cerdedo-Cotobade

Rueda destaca que a nova residencia de maiores de Cerdedo-Cotobade suma 46 novas prazas públicas á rede de coidados a persoas maiores de Galicia

Salienta que os novos servizos se incorporarán ás 13.000 prazas públicas de residencias existentes na Comunidade, o triplo que no ano 2009

O novo servizo contará con 46 prazas que sumadas ás dos outros centros do municipio farán un total de 64 prazas públicas de atención residencial e 30 de atención diúrna
 

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 1 de agosto de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a nova residencia de maiores de Cerdedo-Cotobade suma 46 novas prazas públicas á Rede de Coidados a Persoas Maiores de Galicia.

 

O titular do Goberno galego participou na inauguración dun novo servizo que abrirá as súas portas a finais de ano e no que o Goberno galego investiu 2 millóns de euros. Unhas instalacións que se integrarán coas dos outros centros do municipio para facer un total de 64 prazas públicas de atención residencial e 30 de atención diúrna.

 

O mandatario galego salientou que os novos servizos para maiores da localidade pontevedresa se incorporen ás 13.000 prazas públicas de residencias existentes na Comunidade galega —o triplo que as existentes no ano 2009— e incidiu no compromiso da Xunta co benestar dos maiores, nunha xornada na que o Goberno galego aprobou o teito de gasto para o exercicio de 2023 por 12.599 M€.

 

Nesa liña, incidiu na responsabilidade á hora de empregar os recursos de todos a proxectos que merecen a pena. “Toda a xente que traballou durante toda a súa vida, que achegou e se esforzou para que os seus fillos tiveran unha vida mellor merecen coidados e servizos de primeiro nivel, como o que acabo de visitar”, incidiu.

 

De feito recordou que, xunto coa habilitación de prazas de residencias públicas, se suman outros servizos habilitados para aqueles que prefiren seguir vivindo nas súas casas, como o Servizo de Axuda no Fogar, no que Galicia é líder e que permite que preto de 25.000 persoas reciban coidados profesionais nas súas casas. Tamén as Casas do Maior -con 500 prazas- e o programa de Coidados Porta a Porta, que ofrece atención a 11.000 usuarios fóra das cidades galegas.

 

Estas actuacións van na liña dos obxectivos marcados no mes de marzo coa posta en marcha do Plan de investimentos sociais municipais, cun orzamento de máis de 18 millóns de euros.

 

O presidente do Goberno galego fixo referencia ademais ao proceso de fusión municipal emprendido por Cerdedo-Cotobade en 2017, o que lle permite contar con máis axudas da Xunta que redundan en mellores servizos.

Imaxes relacionadas