Fernández-Tapias destaca o éxito do albergue José Manuel López-Chaves, elixido por 5.747 peregrinos ao seu paso por Vigo

A delegada territorial de Xunta na cidade constatou a recuperación das rutas xacobeas e nomeadamente do Camiño Portugués da Costa que, xunto á variante do interior, mantén a súa popularidade con preto de 3 de cada dez camiñantes

Segundo informou, o aloxamento público do Berbés firmou en xullo o seu mellor rexistro con 1.238 peregrinos, ata sumar no que vai de ano as 3.842 pernoitas

A representante autonómica lamentou unha vez máis que, a cinco meses de pechar este dobre Ano Santo “que está a ser histórico”, Vigo siga sen sinalización oficial
 

Vigo, 1 de agosto de 2022

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou hoxe o éxito do albergue de peregrinos Juan Manuel López-Chaves, elixido por 5.747 peregrinos desde a súa apertura no mes de xullo do 2021. Ao fío, constatou a recuperación das rutas xacobeas nun dobre Ano Santo que “está a ser histórico”, e especialmente no que atinxe ao Camiño Portugués da Costa e á variante interior, mantendo a súa popularidade cunha cuarta parte dos camiñantes.

 

Neste sentido, indicou que o Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa, que atravesa a cidade viguesa, segue a ser a segunda ruta con maior demanda e pola que opta o 29% dos peregrinos que se dirixen a Compostela. En conxunto suman 218.954 peregrinos no que vai de 2022 e dos que preto de 14.000 completaron o roteiro costeiro.

 

No caso do aloxamento do Berbés, informou que vén de firmar no mes de xullo de 2022 o mellor rexistro con 1.238 peregrinos, ata sumar no que vai de ano as 3.842 pernoitas. “Xa no mes de abril comezamos a notar un forte incremento chegando ás 500 reservas e disparándose a partir de maio”, anotou.

 

A diversidade na procedencia dos peregrinos que elixiron o albergue da rede pública autonómica, con viaxeiros de 40 países que reservaron praza, é o mellor indicativo, en opinión de Fernández-Tapias, de que “o Xacobeo está moi presente en Vigo”. Así, volveu a incidir na oportunidade que supón esta celebración e os beneficios que reporta o Camiño ás economías locais.

 

A representante autonómica lamentou unha vez máis que, a cinco meses de pechar este dobre Ano Santo, Vigo siga sen sinalización oficial.  “É dificilmente xustificable que Caballero prive aos peregrinos de contar coa información que precisan e a nosa veciñanza e á hostalería ou ao comercio dos incentivos económicos que supón para a cidade contar cun tramo dunha ruta xacobea”, argumentou.

 

“Diariamente vemos como centos de visitantes camiñan sen rumbo pola cidade e buscan sen éxito as mouteiras que seguen sen instalarse na cidade”, abundou Fernández-Tapias, quen aproveitou novamente para agradecer a hostaleiros e comerciantes a súa implicación na sinalización do Camiño Portugués da Costa facilitando así o percorrido peregrinos ao seu paso polo casco urbano de Vigo. Desde que a Xunta puxo en marcha a iniciativa xa son preto de 350 os locais que locen a sinaléctica. Tamén aos taxistas, con 220 vehículos rotulados co emblema do Xacobeo 21-22.  

Imaxes relacionadas