A Xunta presenta o festival Vilablues Ferrol, a última incorporación á programación dos concertos do Xacobeo en Ferrolterra para este mes de agosto

A cita terá lugar os días 4, 5 e 6 de agosto na zona interior do Porto e reunirá a primeiras figuras do panorama internacional como Roy Ellis & The Sound Doctors ou Michelle David & The True Tones

A delegada territorial destacou que o evento xa se leva celebrando desde hai seis anos noutras localidades galegas e que chega por primeira vez a Ferrol para consolidarse como referente cultural da cidade
 

Ferrol, 1 de agosto de 2022

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, presentou esta mañá, xunto aos promotores do evento, Gumersindo Meijón e Maximino López, unha nova edición do festival Vilablues que por primeira vez se celebra en Ferrol.

 

Un evento que, como destacou Aneiros, se leva celebrando hai seis anos en diferentes localizacións de Galicia e que chega á cidade naval, concretamente ao Porto, con afán de consolidarse como referente cultural da mesma. “É un festival que introduce unha nova oferta musical na temporada estival en Ferrolterra, coa que non contábamos ata o momento, o blues, con primeiras figuras como Roy Ellis & The Sound Doctors ou Michelle David & The True Tones”, indicou a delegada.

 

O programa do Vilablues Ferrol iniciarase o xoves 4 de agosto cun concerto inaugural ás 20.30 horas na terraza do restaurante Maruxaina, a cargo de Susana Adalid e Cabe García, onde tamén actuará o venres día 5 Jamie Fithring, a partires das 19.30 horas. Esa mesma xornada subiranse ao escenario que se situará na zona interior do peirao de Curuxeiras, The Blues Moonshiners, Santi Campillo e Roy Ellis & The Sound Doctor. O sábado 6 será a quenda de Claudio Gabis, Los Galagher e Michelle David & The True Tones.

 

As entradas para o evento xa se poden adquirir a través da web ataquilla.com ou no café Sevilla (rúa Galiano, 20). O custe é de 10 euros por cada día de concerto ou de 15 euros no caso do abono para as dúas xornadas.

 

Na comarca de Ferrolterra, a Xunta de Galicia apoia preto dunha decena de espectáculos no marco dos concertos Xacobeo 21-22. O pasado mes de xullo desenvolvéronse os festivais Jazz ao Norte, Sons de Curuxeiras, o Festival Internacional do Mundo Celta ou a esperada actuación da artista Bonnie Tyler, no marco do Ferrol Verán Festival.

 

Completan as propostas dos concertos do Xacobeo 21-22 polo momento, o Nachiños Fest, o 19 e 20 de agosto no Campo das Cabazas, en Covas, e as actuacións de Coque Malla, no paseo marítimo de Xuvia (Narón) e Rozalén (na praza de Armas). Ámbalas dúas o 26 de agosto.

Imaxes relacionadas