Espazo Fest únese á programación do Xacobeo 21-22 con cinco concertos este mes de agosto nos pazos de Cea e Urzaiz

Nigrán (Pontevedra), 1 de agosto de 2022 Este mes de agosto a música en Nigrán correspóndelle a Espazo Fest e ao Xacobeo 21-22 cun cartel de concertos que subirá ao escenario dos pazos de Cea e Urzaiz a artistas da talla de Immaculate Fools, Taburete ou Soto Asa, tal e como este sábado avanzaron a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e a directora do Festival, María Baltar, e os representantes dos pazos. 

”A Xunta de Galicia deseñou un espectáculo descentralizado dando protagonismo ao carácter global dun evento internacional como é o Xacobeo 21-22, espallando a música e a cultura por todos os concellos e reforzando así a sona internacional que o Ano Santo dá a Galicia”, sinalou Fernández-Tapias durante a presentación no Pazo de Urzáiz. Unha oferta musical que, incidiu, “está a ser un éxito de crítica e público”.

Polos pazos de Nigrán pasarán a partir da vindeira semana bandas e artistas da talla de Immaculate para presentar o seu último traballo, ‘Stardust and Water’. Será o 4 de agosto no Pazo de Urzaiz e estará acompañada pola banda local The Mirror en formato dúo, na liña do festival de visibilizar tamén ás bandas locais.

Ao día seguinte, o fenómeno Taburete que asolagará o Pazo de Cea sendo esta unha das citas máis esperadas do verán en Nigrán e a única neste pazo. Ademais, a artista Roma abrirá para eles esa noite. O 6 de agosto, Soto Asa, unha das destacadas estrelas da música urbana actual, quen xa ten colaborado con Yung Beef ou Bad Gyal. O 12 de agosto será a quenda de Pol 3.14, o artista que se converteu nun fenómeno de masas co tema ‘No Time’, que funcionou como banda sonora da última temporada da popular serie ‘La Casa de Papel’.

O ciclo pecharase o sábado 13 de agosto a cargo da vibrante banda de soul viguesa The Soul Jacket, que presentarán o seu novo traballo, ‘Kick Radio’, un ecléctico e divertido paseo musical que nos transporta á radio americana de finais dos sesenta.

Espazo Fest naceu o pasado ano como unha alternativa ao aire libre, para poder gozar os concertos malia as restriccións da pandemia. O concepto do festival pasa pola música nos xardíns dos pazos de Nigrán cunha conexión coa gastronomía e o património. A proposta do festival é vivir unha experiencia singular na que a música sexa un reclamo para achegarse a ese tesouro pouco coñecido que é o patrimonio arquitectónico dos pazos.

Todas as entradas están á venda a través de espazofest.com e teuticket.com, e as localidades para o concerto de Taburete van camiño de esgotarse.

Imaxes relacionadas