A Xunta mantén aberto ata o vindeiro 5 de agosto o prazo para concorrer ás novas liñas de axuda ConsolidaBio e Centros de Investigación Empresariais

A través da primeira das convocatorias, ConsolidaBio, dotada con 3 M€, apoiarase a consolidación das pemes do sector biotecnolóxico a través da innovación

O programa para a posta en marcha de centros de investigación por parte de empresas conta cun orzamento de 10 M€ e busca completar as capacidades do ecosistema de I+D de Galicia
 

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2022

A Xunta mantén aberto ata o vindeiro 5 de agosto o prazo de solicitude das novas liñas de axuda ConsolidaBio e Centros de Investigación Empresarial convocadas pola Axencia Galega de Innovación, dependente da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

 

ConsolidaBio, dotada con 3 millóns de euros, apoia a consolidación das pemes do sector biotecnolóxico a través de plans de investimento e innovación que estean aliñados coa Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía de Galicia e coa Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia 2027. Por outra banda, o programa para promover a creación de centros de investigación nas empresas, dotado con 10 millóns de euros, pretende fortalecer as capacidades industriais a través do coñecemento e o desenvolvemento de tecnoloxías, contribuíndo así a manter a pegada industrial na Comunidade, así como a atraer investimentos que permitan poñer en marcha novos proxectos.

 

ConsolidaBio

Esta nova liña de axudas, confinanciada con fondos europeos React, está dirixida a pemes do sector biotecnolóxico cun máximo de 13 anos de antigüidade e con domicilio social ou centro de traballo en Galicia. O seu obxectivo é fortalecer as pequenas e medianas empresas deste ámbito e axudalas a gañar tamaño a través da innovación. Para logralo, os apoios cubrirán tanto investimentos produtivos e tecnolóxicos como innovación en procesos e actividades para levar ao mercado solucións baseadas na biotecnoloxía. As axudas, de concorrencia competitiva, buscan beneficiar a 12 empresas, mobilizar 9 M€ e crear 36 empregos de alta cualificación.

 

Os plans empresariais das pemes que opten a estas axudas deberán estar vinculados a algunha das ramas de actividade prioritarias da biotecnoloxía en Galicia e ás cadeas de valor definidas na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia. En concreto, xestión e aproveitamento dos recursos mariños, produción e aproveitamento agrogandeiro e forestal, alimentación funcional para a saúde e o envellecemento activo, ou novas tecnoloxías para a medicina personalizada. Deste xeito, trátase de promover a modernización de sectores tradicionais e favorecer a transición cara á bioeconomía.

 

Con esta nova medida, a Xunta pretende impulsar a competitividade das pemes biotecnolóxicas galegas, incrementar tanto a súa capacidade produtiva e comercializadora como a facturación global do sector, así como favorecer a cooperación no ecosistema biotecnolóxico galego e facer da Comunidade unha rexión con capacidade de atracción de emprendemento tecnolóxico.

 

Centros de investigación empresarial

Coa liña para impulsar centros de investigación empresarial prevese seleccionar tres proxectos cun investimento público-privado de máis de 20 millóns de euros e calcúlase que se poidan crear 45 empregos de alta cualificación. Os beneficiarios deberán ser empresas con sede ou centro de traballo en Galicia e que pretendan crear un novo centro ou infraestrutura de investigación que terá que estar fisicamente na Comunidade. Debe tratarse dunha nova liña de actividade para a empresa e o compromiso é que se manteña en funcionamento un mínimo de cinco anos. As infraestruturas que se poñan en marcha estarán abertas a outros axentes do ecosistema de I+D.

 

O orzamento de cada proxecto situarase entre os 3 e os 20 millóns de euros e a axuda será dun máximo de 5 millóns de euros. Os custos que se subvencionarán van desde a adquisición de terreos á obra civil necesaria, reformas, adquisición de edificios ou construcións ou bens de equipo, entre outros. No caso do persoal investigador de nova contratación só recibirá axudas se se superan os 10 contratos mínimos esixibles na convocatoria. O proceso será de concorrencia competitiva, polo que entre os criterios de selección se terán en conta aspectos como o impacto en Galicia e na produción científico-investigadora, os obxectivos e actividades que se leven no centro ou a capacidade e solvencia da empresa promotora.

 

Con esta nova liña de axudas, pioneira en Galicia e da que só existe en España unha de similares características no País Vasco, a Xunta aspira a seguir reforzando a I+D empresarial galega e dar continuidade a outros programas como a Fábrica Intelixente ou as Unidades Mixtas de Investigación.