A Xunta elimina un punto de vertido de augas residuais na parroquia de Cea, en Vilagarcía de Arousa

Os técnicos do Plan de Control de Vertidos detectaron unha achega con orixe na rede de saneamento municipal, ao non funcionar a estación de bombeo
 

Augas de Galicia notificoulle ao Concello esta situación e solicitoulle a adopción de medidas para evitar novos vertidos irregulares cara ao medio receptor
 

O Concello procedeu á instalación dun equipo de impulsión, evitando así os vertidos de augas residuais ao dominio público
 

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2022 A Xunta vén de eliminar un punto de vertido de augas residuais na parroquia de Cea, no concello de Vilagarcía de Arousa.

 

Os técnicos do Plan de Control de Vertidos, detectaron un punto de vertido de augas residuais que afectaban a un rego innominado que discorre polo lugar do Lago, na parroquia de Cea, afluente do río do Con.

 

As actuacións iniciáronse no transcurso dos labores rutineiros de inspección que o persoal do Plan de Control de Vertidos leva a cabo neste concello.

 

O vertido tiña a súa orixe na rede de saneamento municipal ao non funcionar a estación de bombeo de augas residuais situada no lugar, o que ocasionaba filtracións de augas urbanas desde a infraestrutura de saneamento cara ao terreo circundante.

 

A Xunta puxo os feitos en coñecemento do Concello de Vilagarcía para a adopción de medidas necesarias para a emenda do vertido cara ao medio receptor.

 

Nunha nova inspección á zona, os técnicos constataron que se puxo en funcionamento o equipo de impulsión, eliminando deste xeito o vertido de augas residuais urbanas cara ao dominio público hidráulico.