A Xunta adxudica por máis de 2,5 M€ o desenvolvemento dun sistema avanzado de xestión da auga para aumentar a resiliencia ante o cambio climático

O obxectivo desta iniciativa enmarcada no proxecto Innovaugas 4.0 é anticipar e adaptar a xestión dos recursos hídricos aos eventos de inundación e de seca
 

Mellorarase a capacidade de predición de eventos de seca prolongada e escaseza conxuntural ata un prazo de 3 meses
 

Tamén se poderán controlar as masas de auga dispoñibles e ampliar a capacidade de xestión de alerta temperá de inundacións
 

Será posible predicir a deterioración temporal do estado das masas de auga por fenómenos climáticos extremos e mellorar os sistemas de apoio á toma de decisións
 

O servizo enmárcase no proxecto Innovaugas 4.0, unha iniciativa da Xunta dotada dun orzamento de 7 M€ para optimizar os recursos hídricos e responder ás demandas dos usos da auga, en equilibrio co medio natural e os ecosistemas fluviais
 

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar por máis de 2,5 millóns de euros os traballos para o desenvolvemento dun sistema avanzado de xestión da auga que permita incrementar a resilencia fronte ao cambio climático.

 

Os traballos, adxudicados á UTE formada por Aguatec Proyectos para el sector del auga, SAU e Prointega Ingeniería, S.L., teñen un prazo de execución previsto de 12 meses.

 

O sistema a desenvolver enmárcase no proxecto da Xunta Innovaugas 4.0, e concretamente, no seu reto 2, que busca o fortalecemento das capacidades de preparación e adaptación ao cambio climático. Trátase de avanzar na integración de variables de distintas fontes, deseño e configuración de modelos preditivos para situacións de seca e de inundación, que permitan identificar elementos vulnerables co obxectivo de reducir os impactos na sociedade e no medio ambiente.

 

O servizo permitirá anticipar e adaptar a xestión dos recursos hídricos ao cambio climático e aos eventos de inundación e seca. Mellorarase a capacidade de predición de eventos de seca prolongada e escaseza conxuntural máis alá da predición meteorolóxica existente, de xeito que se ampliará o marco preditivo ata os 3 meses.

 

A través deste proxecto tamén se poderán controlar as masas de auga dispoñibles e ampliar a capacidade de xestión de alerta temperá de inundacións, mediante modelos hidrodinámicos e predicións meteorolóxicas para estimar os niveis de caudais máximos esperados en determinados puntos de control.

 

Do mesmo xeito, poderase predicir a deterioración temporal do estado das masas de auga por fenómenos climáticos extremos e mellorar os sistemas de apoio á toma de decisións.

 
 
Innovaugas 4.0

Este proxecto enmárcase no reto 2 de Innovaugas 4.0, unha iniciativa promovida pola Xunta para acadar solucións novas para a xestión integrada das augas, optimizar os recursos hídricos e dar resposta a longo prazo ás demandas dos diferentes usos da auga.

 

O proxecto desenvólvese en equilibrio co medio natural e os ecosistemas fluviais, respectando o logro dos obxectivos ambientais establecidos para as masas de auga e atendendo aos novos escenarios determinados polo cambio climático.

 

O proxecto Innovaugas 4.0 conta cun orzamento de 7 millóns de euros e está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo Plurirexional de España (POPE) 2014-2020.

 

Innovaugas 4.0 foi seleccionado polo Ministerio de Ciencia e Innovación no ano 2020 e conta cunha axuda de fondos europeos de 4,2 millóns de euros, sendo cofinanciado tamén pola Axencia Galega de Innovación, con 700.000 euros, e por Augas de Galicia, con 2,1 millóns de euros.

 

Imaxes relacionadas