O grupo ‘Treixadura’ actuará o 23 de outubro no ‘Día do Veciño’ de Lugo co patrocinio da Xunta

O delegado territorial, Javier Arias, presentou a actividade acompañado do membro da agrupación Álvaro Lamas e do presidente da federación Lucus Augusti, Jesús Vázquez

Lugo, 30 de xullo de 2022

O grupo Treixadura actuará na cidade de Lugo o próximo 23 de outubro co patrocinio da Xunta, que colabora deste xeito coa federación de asociacións Lucus Augusti na celebración do Día do Veciño.

O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, presentou o concerto acompañado de Álvaro Lamas, integrante da agrupación musical, e do presidente da federación, Jesús Vázquez.

O concerto terá lugar no Pazo de Feiras e Congresos con ocasión da vixésima edición da festa veciñal, que en anos anteriores á pandemia chegou a convocar a máis de 4.000 persoas.

Arias enmarcou a iniciativa na aposta da Xunta “por seguir descentralizando a programación cultural para ofrecerlle á cidadanía propostas diversas e de calidade” en todo o territorio. “Boa mostra diso é o concerto que ofrecerá en Lugo este grupo emblemático que enxalza a música tradicional galega”, apuntou.

Treixadura, creado en 1990, está inmerso actualmente na xira de presentación do seu novo traballo, Camiño longo, no que recuperan as melodías dos seus inicios e celebran os máis de 30 anos de andaina do grupo.

 

Imaxes relacionadas