A Xunta consolida os convenios coas asociacións de criadores das razas autóctonas galegas para apoiar as súas actividades de recuperación, conservación e fomento

O conselleiro do Medio Rural e os representantes das asociacións de criadores das razas autóctonas galegas asinaron esta semana as addendas a estes convenios, para facilitar que os gastos do último trimestre de 2022 resulten elixibles
 

Orixinalmente, o límite de xustificación de gastos para este convenio excluía o último trimestre deste ano 2022; sen embargo, este período tamén será incluído tras a actualización da lexislación europea nesta materia
 

A recuperación, conservación e fomento das razas autóctonas representa un beneficio tanto para os propios gandeiros como para os consumidores e para a sociedade galega en xeral
 

Santiago de Compostela, 30de xullo de 2022

O conselleiro do Medio Rural, José González, asinou esta semana cos representantes das asociacións de criadores das razas autóctonas de Galicia as addendas aos convenios que están actualmente en vigor entre ambas partes.

Estes convenios están subscritos no marco da medida de recuperación das razas gandeiras autóctonas do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia para o período 2014-2020 e recollen actuacións destinadas ás razas bovinas Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa, así coma ao cabalo de Pura Raza Galega, ao Porco Celta, á Galiña de Mos, á Ovella Galega e á Cabra Galega para o período 2020-2022.

Durante a súa fase de tramitación, en decembro do ano 2019, foi necesario establecer que a xustificación dos gastos dos convenios no ano 2022 debía realizarse dentro do terceiro trimestre de dito ano, polo que se fixou o 30 de setembro de 2022 como última data para a presentación de xustificacións. Deste xeito, os gastos nos que as asociacións incorresen no último trimestre de 2022 non estarían amparados polo convenio.

Porén, coa publicación do Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello polo que se establecen determinadas disposicións transitorias para a axuda do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) nos anos 2021 e 2022, prorrogouse o período de duración dos programas financiados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural que afecta directamente á elixibilidade dos gastos. Deste xeito, a data límite de xustificación pasou a ser o 1 de decembro de 2022, polo que case todos os gastos deste ano derivados de actuacións do convenio nos que as asociacións incorran resultarán elixibles.

Así, a Consellería do Medio Rural apoia que as asociacións que traballan na recuperación das razas autóctonas galegas poidan manter as súas actividades en beneficio destas razas. Estas accións, xunto ás de conservación e fomento, resultan beneficiosas tanto para os propios gandeiros como para os consumidores e para a sociedade galega en xeral, o que supón un servizo á nosa comunidade a nivel alimentario, económico e industrial.

Imaxes relacionadas