Axentes ambientais da Xunta localizan un indicio de intencionalidade nun conato de incendio no distrito forestal III que investiga a UIFO

O director de extinción deste conato deu conta do achado aos profesionais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais da Consellería do Medio Rural, que están a realizar as pescudas oportunas

A localización deste indicio súmase aos descubrimentos dos últimos días nos distritos forestais XVIII (Vigo-Baixo Miño) e no distrito XIX (Caldas-O Salnés)
 

 

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2022 Axentes ambientais da Xunta, adscritos á Consellería do Medio Rural, localizaron indicios de intencionalidade nun pequeno conato de incendio forestal rexistrado en días pasados no distrito forestal III (Santiago-Meseta Interior). En concreto, os profesionais acharon unha pastilla de acendido cando estaban refrescando a zona onde se produciu un pequeno conato, o que indica unha clara intencionalidade.

Agora, os especialistas da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) están a realizar as pescudas oportunas para tratar de identificar a persoa responsable. A localización deste indicio súmase aos achados recentemente nos distritos forestais XVIII (Vigo-Baixo Miño) e no distrito XIX (Caldas-O Salnés). No primeiro caso, os axentes da UIFO localizaron unha cabicha provista dun sistema de ignición, concibida para ser depositada no monte e prender lume de xeito retardado e, no segundo, foron papeis de xornais amoreados, colocados no punto de orixe do lume, que descubriron tamén os directores de extinción do lume.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural