A Xunta destaca en Bueu o papel do asociacionismo no impulso ao comercio de proximidade

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou esta mañá na inauguración da feira, organizada pola Asociación de Comerciantes e Industrias de Bueu

Bueu (Pontevedra), 29 de xullo de 2022

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou esta mañá na feira de oportunidades Bueu non Stock, que organiza durante toda esta fin de semana a Asociación de Comerciantes e Industrias de Bueu (Acibu), integrada na Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (Fecimo) co apoio da Xunta.

 

Durante a súa visita, o director xeral sinalou o papel que desenvolven os centros comerciais abertos e as federacións de comerciantes no impulso ao comercio de proximidade, lembrando que a Vicepresidencia primeira e consellería de Economía, Industria e Innovación mantén unha liña constante de colaboración coas asociacións como pezas clave para a competitividade do sector nas vilas e cidades galegas e na súa transformación dixital e sostible.

 

Neste sentido, ven de pecharse o prazo para a solicitude dos programas de axudas por 2,75 millóns de euros cos que a Xunta apoia o labor dos centros comerciais abertos (CCAs) e das federacións e asociacións de comerciantes de ámbito superior ao municipal.

 

A feira Bueu non Stock conta con 17 postos comerciais pertencentes a sectores como a moda, o calzado, a lencería, a xoguetería, complementos ou xoiería, nos que empresarios locais ofrecen o seu stock con descontos en horario de 10 a 14 horas e de 18 a 23 horas, pechando as súas portas o domingo ás 22 horas.