A Xunta organiza mañá sábado unha visita guiada ao Castelo da Pena, en Xinzo de Limia, tras o remate das escavacións e traballos de acondicionamento

O Goberno autonómico programa un percorrido comentado a cargo dos técnicos desta intervención que contou cun orzamento superior aos 200.000 euros
 

Nos últimos meses localizáronse novas estancias, mellorouse o torreón e procedeuse á limpeza da muralla que agora xa é perfectamente visible con alturas de ata 5 metros
 

Enmárcase no traballo da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para promover e divulgar o patrimonio cultural e arqueolóxico tras a súa conservación
 

Xinzo de Limia (Ourense),  29 de xullo de 2022 A Xunta de Galicia organiza este sábado ás 11,00 horas unha visita guiada ao Castelo da Pena, tras rematar os traballos de escavación, consolidación e acondicionamento que se levaron a cabo nos últimos meses. Entre as actuacións, creouse un circuíto de visita con fitos informativos que explican as características xerais do castelo e das diferentes estruturas conservadas. Na última campaña localizáronse novas estancias, mellorouse o torreón e procedeuse á limpeza da muralla que é perfectamente visible con alturas de ata 5 metros.

 

As persoas que participen na visita, para a que non é necesario reservar praza, poderán comprobar estes últimos traballos impulsados pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades que xa realizada dúas campañas de sondaxes arqueolóxicas con anterioridade para avaliar o seu estado de conservación. Entre os últimos achados, documentouse unha liña de muralla interior e localizouse un tramo da muralla exterior ata entón tapada por escombros, así como outras construcións e pavimentos situados na zona norte. Tamén se identificou un torreón máis pequeno feito en cantaría regular, seguramente relacionado co sistema de acceso á torre.

 

Á vista dos destacados resultados que se obtiveran, e dos valores científicos e patrimoniais do conxunto, a Xunta considerou necesario realizar un proxecto integral de escavación, conservación e acondicionamento que vén de rematar. A intención foi afondar máis no seu coñecemento e documentación, mellorar o seu estado de conservación e favorecer o seu uso como recurso cultural, facendo máis visibles aos visitantes as estruturas do castelo que rodean a torre da homenaxe. Os traballos contaron cun orzamento superior a 200.000 euros. Cofináncianse nun 80% a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

 
 

Limpeza de vexetación

A superficie principal de escavación arqueolóxica centrouse na fronte sur da torre da homenaxe, entre esta e máis a muralla exterior. Localizáronse diferentes estancias nun relativo bo estado de conservación, con alturas de muros que superan o metro de altura e mesmo, nun caso, cunha porta conservada de forma íntegra. Ademais, no extremo da muralla exterior localizouse un alxibe, realizado parcialmente entre os afloramentos graníticos naturais, que ten asociado unha pía ou pozo. Tamén se actuou sobre o torreón acaroado á torre da homenaxe, rematando a súa escavación e consolidación.

Ademais, limpouse a muralla exterior do castelo, que se situaba en zonas de forte pendente e moi cuberta de vexetación, cando non tapada por derrubas que dificultan a súa visibilización polos visitantes. Os obxectivos eran investigala e documentala para logo deixar á vista unha parte importante que permita comprender e explicar o sitio alén da súa torre central e facilitar así a comprensión do conxunto durante a visita do público. Unha vez rematada a limpeza de vexetación agora é perfectamente visible case toda a muralla, con alturas que acadan por zonas máis de 5 m.

 

Valor patrimonial

O Castelo ou Fortaleza da Pena sitúase na parroquia de San Pedro da Pena, do concello ourensán de Xinzo de Limia. É un sitio patrimonial de época medieval no que presenta un moi bo estado de conservación a torre da homenaxe, unha das tres que na actualidade se conservan das torres da Limia. De planta practicamente cadrada, cuns 10,30 m de lado, 20 m de altura máxima e fábrica de cantaría regular, no seu interior divídese en baixo e dous andares mediante tres bóvedas de canón.

Imaxes relacionadas