A Xunta celebra a través da estación de viticultura e enoloxía de Galicia actividades sobre os últimos avances neste sector

O programa incluíu unha xornada técnica no Mosteiro de San Clodio, na que foron tratados os proxectos Ferviña e Vitiozón, coa axuda da Universidade de Santiago de Compostela e de adegas colaboradoras
 

Ademais, celebrouse un obradoiro sobre a integración das novas tecnoloxías no campo vitivinícola como parte do proxecto VINIoT, no que se difundiron os avances desta iniciativa e visitouse a súa granxa experimental
 

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2022

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, celebrou esta semana unha serie de actividades relacionadas co sector vitivinícola. Estas accións axudaron a divulgar as últimas innovacións que se están a dar neste sector, así como as tecnoloxías que os posibilitan.

 

En primeiro lugar, a Estación celebrou no Mosteiro de San Clodio, no municipio ourensán de Leiro, unha xornada técnica co título “Novas aportacións ao desenvolvemento da viticultura galega”. A xornada obtivo moi boa acollida entre o público e congregou a preto dun cento de profesionais do sector vitivinícola, ademais de estudantes e interesados.

 

Na xornada técnica transferíronse os resultados de dous proxectos nos que se traballa no centro, como son o proxecto Ferviña, que ten como centro das investigacións a fertilización dos viñedos, e Vitiozón, que trata a auga ionizada así como o control de enfermidades. Participaron nestes relatorios investigadores da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, así como outros da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e de adegas colaboradoras. Esta actividade forma parte do programa da Estación, que desenvolve investigacións en colaboración con diversas adegas e empresas do sector centradas na sanidade do viñedo, no potencial vitícola galego, na fertilización do solo e nas novas tecnoloxías no cultivo da vide, todas elas fornecedoras da sostibilidade da produción, da protección medioambiental e da capacidade dos cultivos a adaptarse ao cambio climático.

 

Ademais da xornada técnica, desenvolveuse o obradoiro “A integración das novas tecnoloxías na viticultura”, no marco do Proxecto VINIoT. Neste taller difundíronse os avances do proxecto a través das presentacións técnicas a cargo dos socios da iniciativa. Ademais disto, os participantes na actividade tiveron ocasión de visitar o viñedo experimental situado na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia dentro da sesión práctica Demofarm, onde se describiu o sistema VINIoT da man dos técnicos investigadores do Centro Tecnolóxico Aimen e da USC.

 

Proxecto VINIoT

O proxecto VINIoT, pertencente á iniciativa Interreg Sudoe e cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), integra no seu consorcio oito entidades de recoñecido prestixio a nivel nacional e da zona suroeste europea. A nivel galego, destaca como partícipe na iniciativa o Centro Tecnolóxico Aimen, beneficiario principal do proxecto, xunto á Fundación Empresa-Universidad Gallega (Feuga) e a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia.

 

O proxecto implementa o servizo VINIoT, baseado na intelixencia artificial que mediante a fusión de dúas tecnoloxías que permiten o seguimento do viñedo a tempo real, imaxes multiesprectrais e a sensorización do solo acadan un maior control da produción, e axudan á anticipación da toma de decisións para os profesionais do sector vitivinícola.

Imaxes relacionadas