A Xunta insístelle ao goberno en que “é posible outra política enerxética” e lembra que Galicia conta cun novo Plan de aforro e eficiencia

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, defende na Conferencia Sectorial de Enerxía que se introduzan medidas concretas para os sectores produtivos, en especial para as empresas de coxeración e electrointensivas
 

Avoga por unha maior coordinación entre o Estado e as CCAA para desenvolver un sector eólico ordenado, planificado e compatible co medio ambiente e a ordenación do territorio
 

Ademais de elaborar recomendacións para particulares, tecido empresarial e administracións, o Executivo autonómico ten en marcha ordes de axudas con apoios por 80M€ para impulsar o autoconsumo, ademais do Bono Enerxía Peme
 

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, que participou hoxe de xeito telemático na Conferencia Sectorial de Enerxía, lembrou que Galicia conta cun novo Plan de medidas de aforro e eficiencia enerxética para fogares, empresas e administracións públicas.

 

Este plan vincúlase ás principais ordes de axuda que se están a poñer en marcha neste eido, como as que van dirixidas a fomentar o autoconsumo e o almacenamento, con convocatorias que suman un total de 80 millóns de euros, ou o Bono Enerxía Peme, destinada á mellora enerxética das instalacións de pequenas e medianas empresas e autónomos e que vén de ampliar o seu crédito ata os 3 millóns de euros. Estas actuacións dan continuidade ao traballo feito desde hai unha década en materia de aforro e eficiencia enerxética.

 

En declaracións aos medios despois da xuntanza, o vicepresidente económico da Xunta apuntou que, en liña co que marca Europa, tamén se recollen unha serie de recomendacións para particulares, tecido empresarial e administración.

 

Así, entre as medidas contempladas no plan atópanse a diminución do consumo de auga quente e calefacción, a redución dos desprazamentos en vehículo particular, a mellora loxística no tecido empresarial, ou a optimización do alumeado exterior e o fomento do apagado de equipos no caso das administracións públicas.

 

Neste eido, desde hai cinco anos a Xunta de Galicia dispón dunha pioneira rede de compras centralizada que na actualidade xestiona máis de 2.100 puntos de subministración enerxética, garantindo o aforro e a eficiencia.

 

Conde, que trasladou ao Goberno a “colaboración inequívoca” por parte de Galicia para traballar conxuntamente nos obxectivos que se están marcando tanto pola Comisión Europea como polo propio Goberno, insistiu en que “é posible outra política enerxética” que estea vinculada e comprometida co eido industrial.

 

Nese sentido, incidiu na importancia de dar resposta ás empresas que utilizan a coxeración, que tal e como subliñou o responsable de Economía, Industria e Innovación tamén é unha aposta importante desde o punto de vista do aforro e da eficiencia enerxética. Segundo sinalou, nalgúns casos están parando a súa produción porque quedaron excluídos do sistema de retribución establecido polo Goberno. O vicepresidente primeiro engadiu tamén que para que empresas electrointensivas como Alcoa ou Ferroatlántica poidan recuperar a súa actividade son precisas “medidas que se están introducindo noutros países”.

 

O vicepresidente primeiro solicitou ademais unha maior coordinación entre o Goberno e as CCAA para desenvolver os proxectos de renovables, nomeadamente os de enerxía eólica. “Temos necesidade realmente de que o Goberno entenda e comparta a normativa específica que temos no eido da comunidade”, apuntou Conde, que incidiu en que é precisa a colaboración para desenvolver un sector eólico ordenado, planificado e compatible co medio ambiente e a ordenación do territorio.

Imaxes relacionadas