A conselleira do Mar presentou na praia Area da Cruz a campaña de sensibilización ‘Do mar, vívese’

Galicia conciencia nos areais sobre a necesidade de respectar o labor do sector marisqueiro que no verán obtén un terzo dos seus ingresos anuais

A campaña 'Do mar, vívese' desenvolverase en medio cento de praias galegas ata comezos de outubro, abarcando o período de maior afluencia de visitantes
 

Rosa Quintana lembrou que en Galicia hai arredor de 3.700 persoas que se dedican ao marisqueo a pé, que teñen un permiso de explotación, sementan o marisco, coidan as zonas e pagan impostos polo seu traballo
 

A este labor súmase o do Servizo de Gardacostas, que o pasado verán realizou arredor de 400 inspeccións nas praias galegas e na súa contorna co levantamento de máis de 200 actas de presunta infracción
 

O Grove (Pontevedra), 28 de xullo de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, fixo hoxe un chamamento aos visitantes dos areais sobre a importancia de respectar o traballo dos profesionais do marisqueo que na época de verán obteñen un terzo dos seus ingresos anuais. Así o destacou na praia grovense de Area da Cruz, que acolleu a presentación da campaña de sensibilización 'Do mar, vívese', posta en marcha polo Goberno galego en distintos areais de Galicia coa finalidade de concienciar un ano máis na época estival sobre os prexuízos que ocasiona a extracción ilegal de recursos marisqueiros aos profesionais desta actividade.


Con ese obxectivo, a Xunta levará esta iniciativa a un total de 50 praias galegas ata comezos do mes de outubro, abarcando o período no que se rexistra maior afluencia de xente nos areais. Deste xeito dá continuidade ás iniciativas de sensibilización desenvolvidas en anos anteriores coa finalidade de seguir concienciando á cidadanía sobre a importancia do marisqueo e a ilegalidade que supón a extracción de marisco sen permiso de explotación.


Nesta liña, a titular de Mar lembrou que en Galicia hai arredor de 3.700 persoas que se dedican ao marisqueo a pé e das que dependen outras tantas familias. Trátase de profesionais, incidiu, que teñen un permiso de explotación, sementan o marisco, coidan as zonas e pagan impostos polo seu labor. Ademais subliñou que un terzo das súas capturas e da facturación anual da súa actividade se concentra no período do verán, unha das épocas nas que o marisco adoita acadar mellores prezos.


Ao traballo de sensibilización das iniciativas como Do mar, vívese, súmase o que desenvolven o Servizo de Gardacostas e os corpos e forzas de seguridade do Estado. En canto ao labor dos axentes de Gardacostas, explicou que entre xuño e setembro de 2021 -ambos meses incluídos- realizaron arredor de 400 inspeccións nas praias e na súa contorna que derivaron no levantamento de máis de 200 actas de presunta infracción.


Ademais, Rosa Quintana aproveitou a ocasión para facer fincapé en que o furtivismo tamén é un problema medioambiental, porque supón un prexuízo para o ecosistema, e de saúde, xa que o produto extraído e comercializado de xeito ilegal pode supor un risco para quen o consume ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale.


Do mar, vívese
A campaña Do mar, vívese ten entre os seus obxectivos informar sobre a importancia social e económica do sector do mar, poñer en valor a actividade do marisqueo en Galicia e promover unha xestión sostible dos recursos, desde os puntos de vista económico, ambiental e social.


Ademais busca involucrar aos turistas na transmisión destes valores por medio de xogos e actividades lúdicas e garantir a rastrexabilidade dos produtos pesqueiros e a súa seguridade alimentaria. Os obradoiros que abarca terán unha duración de catro horas, un pola mañá e outro pola tarde, nos que se organizarán entre catro e seis xogos/actividades, e estarán dirixidos a persoas de todas as idades.
 

Tamén inclúe o reparto dun total de 40.000 trípticos sobre esta iniciativa nos distintos areais e de elementos promocionais. Entre eles chalecos e gorros, destinados ás confrarías de pescadores, e outros como bolsas de pano, toallas de praia e camisetas entre os participantes.


Esta iniciativa engádese a outras accións de sensibilización da Consellería do Mar -como a anterior campaña 'Non sexas pirata! Á praia vense a gozar, non saquear'- e o proxecto piloto desenvolvido no 2016 que consistiu na entrega de 5.000 paipais en diversas confrarías da provincia de Pontevedra con mensaxes de concienciación. A isto súmase a aplicación móbil 'Non piques, non peques', que contén información sobre a época óptima de consumo de produtos do mar.

 

Imaxes relacionadas