Axentes ambientais da Xunta localizan indicios de intencionalidade en dous conatos de incendio no distrito forestal XIX que investiga a UIFO

Os directores de extinción destes lumes deron conta dos achados aos profesionais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais da Consellería do Medio Rural, que están a realizar as pesquisas oportunas
 

O persoal do Servizo de prevención de incendios de Medio Rural atopou papeis de xornais amoreados nos puntos de orixe dos lumes
 

A localización destes indicios súmase ao descubrimento, a pasada semana, dun artefacto incendiario no distrito forestal XVIII (Vigo-Baixo Miño)
 

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2022

Axentes ambientais da Xunta, adscritos á Consellería do Medio Rural, localizaron indicios de intencionalidade en dous conatos de incendio forestal rexistrados días pasados no distrito forestal XIX (Caldas-O Salnés). En concreto, os profesionais acharon papeis de xornais amoreados, colocados no punto de orixe do lume, o que indica unha clara intencionalidade.

 

Os directores de extinción de ambos conatos puxeron os feitos en coñecemento dos especialistas da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), que están a realizar as pesquisas oportunas. O primeiro destes indicios localizouse nun conato rexistrado neste distrito o pasado día 12 de xullo. O segundo foi atopado na mesma parroquia o día 26 deste mesmo mes. En ambos casos, a rápida intervención dos medios de extinción fixo que a superficie afectada fora de tan só 0,01 hectáreas nos dous conatos.

 

A localización destes indicios súmase ao achado, a pasada semana, dun artefacto incendiario que causou outro conato de incendio no distrito forestal XVIII (Vigo-Baixo Miño). Nese caso os axentes da UIFO localizaron unha cabicha provista dun sistema de ignición, concibida para ser depositada no monte e prender lume de xeito retardado.

 

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural