A Xunta clausura os obradoiros da Laracha e Cerceda nos que 40 persoas sen traballo melloraron a súa cualificación e accederon a un contrato laboral

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, presidiu hoxe os actos de clausura e a entrega de diplomas dos obradoiros duais de emprego A Laracha VII e Cerceda-Tordoia-Trazo III

Defendeu que estas actividades formativas abren novas expectativas para un mellor futuro profesional a quen toma parte nelas

Lado destacou a importancia da colaboración das entidades locais e do tecido empresarial para que as accións formativas resulten efectivas, favorezan a empregabilidade nas contornas e a prestación de servizos de interese público
 

A Laracha (A Coruña), 28 de xullo de 2022

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe na clausura e entrega de diplomas aos 20 participantes no obradoiro dual de emprego A Laracha VII que se celebrou durante nove meses neste municipio e no que o alumnado puido especializarse en pintura industrial para a construción e en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.

No acto, no que tomou parte o alcalde da localidade, José Manuel López, a directora xeral destacou os obradoiros duais de emprego como “ponte idónea” para a inserción de traballadoras e traballadores no mercado de traballo, mediante un modelo que asegura, dixo, “unha eficaz conexión entre a formación recibida e o desempeño profesional”.

Os alumnos do obradoiro que hoxe terminou, na especialidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes, aplicaron os seus coñecementos en prácticas realizadas nos centros de día da Laracha e Arteixo e na residencia Padre Rubinos da Coruña.

No caso das persoas que se formaron en pintura industrial, puideron aportar os seus coñecementos en intervencións realizadas en edificios públicos e equipamentos de titularidade municipal, como os centros socioculturais ou o campo de fútbol de Paiosaco.

“Despois dos coñecementos e da práctica adquirida neste período, agora sodes persoas máis competentes, con capacidade real de dar solucións a cuestións asociadas coa vosa profesión”, dixo a directora xeral ás persoas participantes.

Lado puxo en valor a formación para o emprego “cando os contidos formativos se axustan ás necesidades reais do mercado laboral”, e destacou os tres beneficios que reportan os obradoiros duais que se materializan na súa contribución a mellorar a empregabilidade, no desenvolvemento de actuacións en espazos públicos e a prestación de servizos de interese xeral e social e por ser vía de colaboración coas entidades locais para incrementar o emprego nos concellos.

A Xunta investiu na actividade A Laracha VII, case 350.000 €. A directora xeral quixo destacar o apoio das entidades local na súa posta en marcha, xa que, actividades deste tipo, segundo remarcou, “non terían sentido se non contásemos co compromiso das entidades locais, neste caso, do Concello da Laracha, que nos axudades a orientar os nosos esforzos e a que os programas que financiamos ofrezan novas oportunidades”.

A directora xeral referendou o compromiso do Goberno galego na construción dun  ecosistema formativo de primeiro nivel para poñer ao alcance da cidadanía a formación máis innovadora, os mellores recursos, coñecementos específicos e transversais e todas as oportunidades posibles.

O obradoiro hoxe clausurado forma parte da convocatoria da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para os anos 2021 e 2022, deseñada tendo en conta a importancia das medidas de reactivación económica e de recuperación do emprego mediante políticas activas, con especial fincapé na formación dual. “Son programas polos que seguimos apostando na nova convocatoria 2022/2023, que se vén de resolver, e coa que agardamos, tras unha ampliación de crédito de 10 millóns que estamos tramitando, que aproximadamente 2.000 persoas sen emprego melloren a súa cualificación, ao tempo que acceden a un traballo a través do cento de obradoiros previstos; con dúas grandes novidades: un incremento do orzamento que chega aos 50,8 millóns de euros e unha ampliación do período de formación, que pasa dos 9 aos 12 meses”, anunciou Lado.

Cerceda-Tordoia-Trazo III

Tras a clausura do obradoiro da Laracha, a directora xeral clausurou o programa de formación e emprego de Cerceda-Tordoia-Trazo III, no que 20 persoas sen emprego melloraron a súa cualificación e accederon a un contrato laboral nas especialidades de conservación e mellora de montes e montaxe e reparación de sistemas microinformáticos. A Xunta investiu nesta iniciativa 347.000 euros, unha actuación que permitiu, entre outros, a mellora do paseo fluvial do río Cabancos e melloras no sistema de informática das bibliotecas municipais de Cerceda e Silva. En Tordoia mellorouse a área recreativa Folgueira, levouse a cabo a conservación da Braña das Fontes e a chousa de Zarrapa.

Imaxes relacionadas