O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, acompañado do alcalde, Alejandro Lorenzo, visitou hoxe este servizo

A Xunta destina máis de 100.000 euros á unidade de atención diúrna especializada no alzhéimer que xestiona Afaga no Porriño

O centro conta con 24 prazas públicas financiadas pola Administración autonómica

O Porriño (Pontevedra), 28 de xullo de 2022

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, acompañado do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, salientou hoxe a importancia que teñen os coidados especializados para as persoas que padecen alzhéimer e outras doenzas neurodexenerativas. Díxoo durante a visita á unidade de atención terapéutica que a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Galicia (Afaga) xestiona no Porriño e á que a Xunta destina máis de 100.000 euros ao ano.

 

As persoas usuarias deste servizo, que se rexe mediante un convenio coa Xunta de Galicia, reciben coidados profesionais e asisten a obradoiros de estimulación da memoria, entre outras actividades. O Goberno galego financia 24 prazas nestas instalacións, ademais do servizo de transporte.

 

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria gabou o traballo de Afaga e garantiu que a Administración autonómica seguirá apoiando ás persoas que padecen este tipo de doenzas e aos seu familiares, co obxectivo de que poidan ter un maior benestar e calidade de vida.

Imaxes relacionadas