A Xunta colabora na mellora das instalacións de uso deportivo e recreativo de Laxe

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe a localidade para comprobar as actuacións levadas a cabo ao abeiro da Orde de infraestruturas do Goberno galego, que supuxeron unha achega de case 28.000 euros
 

A liña de axudas, dotada este ano cun orzamento global de 3,5 millóns de euros, beneficia seis concellos da área da Costa da Morte que recibirán preto de 186.500 euros
 

Laxe (A Coruña), 28 de xullo de 2022 A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, o concello de Laxe para coñecer as actuacións desenvolvidas nesta localidade ao abeiro da Orde de infraestruturas de uso público da Xunta. As obras realizadas supuxeron unha achega de case 28.000 euros para a rehabilitación e mellora de pistas deportivas de Aplazadoiro e Traba, así como dos parques infantís das escolas unitarias da Torre e do lugar de Coens.

No caso das pistas deportivas, ambas se limparon e volveron marcar. Ademais, executouse un novo peche no caso da de Traba e reparouse o existente na de Aplazadoiro. Canto aos parques infantís, as melloras centráronse na instalación de pavimentos de caucho nas zonas de xogos.

A Orde de infraestruturas de uso público destínase a concellos de menos de 30.000 habitantes para mellorar as infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. Neste ano, o orzamento global previsto para as actuacións ascende a 3,5 millóns de euros, dos que se van beneficiar seis concellos na área da Costa da Morte. Trátase de Cabana de Bergantiños, Coristanco, Malpica de Bergantiños, Muxía, Dumbría e Vimianzo. A achega da Xunta para os diferentes proxectos presentados por estes municipios suma preto de 186.500 euros.

A directora xeral destacou como obxectivo da medida o de facilitarlles ás administracións locais e á cidadanía unhas axeitadas infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. Coas axudas búscase tamén garantir un equilibrio entre o medio rural e o urbano, o interior e a costa, que permita tanto o desenvolvemento económico da totalidade do territorio galego como unhas óptimas condicións de vida da cidadanía con independencia do lugar de residencia. 

A Orde de infraestruturas forma parte das diferentes liñas de axudas a prol das administracións locais. Segundo sinalou Natalia Prieto, o Concello de Laxe recibiu nos últimos anos máis de 176.500 euros para a mellora dos servizos municipais e o desenvolvemento de actuacións ambientais.

Imaxes relacionadas