Aneiros clausura en Mugardos o obradoiro Reinicia VIII que formou a 20 alumnos en atención sociosanitaria e actividades auxiliares en conservación de montes

A delegada territorial da Xunta destaca o compromiso do Goberno galego coa xeración de emprego na comarca e pon en valor este tipo de formación orientada a cubrir as demandas reais do entorno

Este é un dos tres obradoiros de emprego que a Xunta de Galicia levou a cabo este curso nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal cun investimento superior aos 900.000 euros
 

Mugardos (A Coruña), 28 de xullo de 2022

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na clausura do obradoiro de emprego Reinicia VIII, impulsado polos municipios de Mugardos, Ares, Cabanas e Fene e financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

 

No acto, que tivo lugar no consistorio mugardés, Martina Aneiros tivo a oportunidade de felicitar aos 20 alumnos e alumnas participantes, 10 na especialidade de Atención Sociosanitaria a persoas no domicilio e os outros 10 en Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.

 

Este obradoiro, un dos tres que se levaron a cabo nos municipios da comarca durante este curso, contou cun apoio económico da Xunta de case 347.000 euros.

 

A delegada territorial destacou o compromiso da Xunta coa xeración de emprego na comarca. “Un exemplo disto son os programas formativos como o que hoxe clausuramos, cada vez máis orientados a cubrir as demandas reais do entorno o que permite unha integración laboral máis alta”, destacou.

 

No marco deste proxecto, os dez alumnos da especialidade de Atención sociosanitaria a persoas no domicilio completaron a súa formación nos Servizos de Axuda no Fogar dos concellos de Mugardos e Fene.

 

Na especialidade de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, os alumnos levaron a cabo tarefas de mantemento de ata sete camiños forestais no municipio de Mugardos, onde tamén se fixeron cargo do acondicionamento da área recreativa de Beiramar, no Seixo. Ademais executáronse actuacións nas baterías aéreas da Bailadora, en Ares e outras accións de conservación no piñeiral da praia da Madalena e da área recreativa da Veiga, ambas en Cabanas.

 

Máis de 900.000 euros de investimento

Nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal leváronse a cabo este curso tres obradoiros de emprego que a Xunta de Galicia financiou cun investimento superior aos 900.000 euros.

 

Onte mesmo clausurábase tamén nas Pontes o denominado Eume III, posto en marcha conxuntamente cos concellos da Capela e As Somozas e que supuxo un investimento de 208.167,60 euros da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Neste caso recibiron os diplomas que acreditan a súa formación na especialidade de atención sociosanitaria a persoas no domicilio as nove persoas que concluíron a súa formación, das doce prazas habilitadas no obradoiro.

Imaxes relacionadas