Diego Calvo destaca a importancia da análise económica como vía para construír un mellor futuro

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou na presentación do Anuario 2022 do Foro Económico de Galicia

A Coruña, 28 de xullo de 2022

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na presentación do Anuario 2022 do Foro Económico de Galicia, onde se referiu á relevancia da análise económica como vía para afrontar escenarios de incerteza e construír un mellor futuro. 

Diego Calvo incidiu na necesidade de afondar no pasado para enfocar a toma de decisións coas máximas garantías, sobre todo en contextos económicos convulsos como o que estamos a vivir. Sinalou tamén a importancia de adoptar medidas de xeito áxil. “Xa sabemos por experiencias pasadas que canto máis se tarde, máis duros serán os axustes”, engadiu.

Nesta liña destacou a xestión sustentable das contas públicas galegas, que permitiu consolidar e aprobar novas rebaixas fiscais que supoñen 1.000 millóns de euros en aforro para a poboación, entre outras accións.

Ademais, para o vicepresidente segundo, organismos de referencia como o Foro Económico de Galicia deberían estar máis presentes nas tomas de decisións. Así, lembrou que a Xunta xa contou con esta plataforma para participar no comité de expertos creado en 2020 co obxectivo de deseñar medidas de reactivación fronte á pandemia. “Debemos felicitarnos por contar en Galicia con este foro de transferencia do coñecemento, que facilita que flúa a información cara á sociedade e os espazos de decisión pública”, afirmou.

Imaxes relacionadas