A Xunta activa o sábado novos servizos de autobús directos desde Tui ata Praia América, en Nigrán

Os servizos estarán activos durante os meses de xullo e de agosto para facilitar os desprazamentos á praia desde Tui, que non contaba con conexións directas

Esta nova liña disporá de dous servizos ao día de luns a domingo: un de ida ás 12,00 horas e un de volta ás 19,00 horas, cun tempo de viaxe reducido, de só 40 minutos

Os menores de 21 anos poden viaxar gratis nestes autobuses coa tarxeta Xente Nova e o resto de usuarios poden beneficiarse dos descontos da tarxeta TMG

En Tui son 681 os mozos que dispoñen xa da tarxeta Xente Nova, coa que a Xunta leva bonificadas 34.800 € viaxes realizadas no que vai de ano

Tamén se axustan os horarios da liña entre O Porriño e Praia América, atrasando os servizos de ida e de volta, atendendo ás peticións dos usuarios
 

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2022

A Xunta activará desde este próximo sábado, día 30, novos servizos directos de autobús desde Tui ata Praia América, no concello de Nigrán.

 

Os servizos estarán activos durante os meses de xullo e agosto para facilitar os desprazamentos á praia desde Tui, que non contaba con conexións directas en transporte público.

 

A nova liña de autobús ofrecerá un servizo atractivo para os usuarios cun tempo de viaxe reducido, de só 40 minutos, ao non contar con paradas intermedias entre Tui e Praia América.

 

A nova liña disporá de dous servizos diarios de luns a domingo: un de ida ás 12,00 horas e outro de regreso con saída do areal de Nigrán ás 19,00 horas.

 

Nestes novos servizos, como en todos os autobuses da Xunta, os menores de 21 anos poden viaxar gratis empregando a tarxeta Xente Nova. No caso do concello de Tui son 681 os que actualmente dispoñen deste dispositivo, co que a Xunta leva bonificados 34.800 € das viaxes realizadas no que vai de ano.

 

Tamén o resto de usuarios do transporte público da Xunta poden beneficiarse dos descontos da tarxeta TMG.

 

Axustes nos horarios entre O Porriño e Praia América

Xunto coa creación desta nova liña, a Xunta axustará os horarios dos servizos activados o pasado luns, día 18, entre O Porriño e Praia América, atendendo ás peticións trasladadas polos usuarios á empresa concesionaria.

 

O servizo de ida do Porriño ao areal de Nigrán atrasarase así ás 13,30 horas e o de volta será media hora máis tarde, ás 20,30 horas.

 

Os horarios dos autobuses da Xunta e toda a información relativa aos novos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.