A Xunta cédelle ao concello de Ordes a titularidade de dúas parcelas situadas na concentración parcelaria de Parada para fins de interese xeral

O Goberno local solicitou a titularidade destes predios á Consellería do Medio Rural co fin de ampliar a área recreativa da Estación de Pontraga

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2022

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias, vén de cederlle ao concello de Ordes a titularidade de dúas parcelas situadas na concentración parcelaria de Parada para fins de interese xeral.

 

Neste senso, cabe salientar que cando un proceso de reorganización do territorio aínda non está rematado, os concellos poden solicitar a cesión da titularidade de fincas do Fondo de Terras (masa común) para equipamentos colectivos ou fins de interese xeral. Neste caso concreto, o concello de Ordes solicitou a titularidade destes predios co fin de ampliar a área recreativa da Estación de Pontraga.

 

O proceso de concentración parcelaria da zona de Parada, que está actualmente en fase de acordo, afecta unha superficie de 935 hectáreas, repartidas en 1.103 leiras propiedade de 600 veciños.