A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, abordaron cos concellos que se abastecen do río Lérez a prealerta por escaseza de auga da bacía

A Xunta e os concellos do sistema de abastecemento de Pontevedra acordan reducir o consumo de auga e afrontar a seca con información, coordinación e responsabilidade

Coinciden na necesidade de evitar o uso innecesario de auga, suprimindo baldeos, regas de xardíns, lavapés e duchas nas praias, enchido de piscinas, o lavado de coches, as fontes ornamentais e actividades lúdicas que malgasten o recurso hídrico

Vázquez Mourelle explica que a situación é complexa e preocupante, pois o sistema se abastece fundamentalmente do caudal circulante do río e o encoro de Pontillón só garantiría un consumo reducido durante un máximo de 14 días

Indica que as temperaturas elevadas e a falta prolongada de chuvia agravou a situación, reducíndose o caudal do río nun 73% en menos de 20 días

Apunta que os datos medios reflicten que o caudal segue a ser moi baixo, do 1,7 m³/s, e de non adoptar medidas podería verse comprometido o subministro
 

Pontevedra, 27 de xullo de 2022

A Xunta e os concellos do sistema de abastecemento de Pontevedra acordaron hoxe reducir o consumo de auga e afrontar o actual episodio de ‘prealerta por escaseza’ con información, coordinación e responsabilidade.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, mantiveron unha reunión de traballo cos concellos que se abastecen do río Lérez para abordar a situación de prealerta por escaseza de auga da bacía.

 

Vázquez Mourelle explicou que a situación é complexa e preocupante, xa que este sistema se abastece, fundamentalmente do caudal circulante do río e non existen grandes reservas de auga encorada, só o encoro de Pontillón que, por si mesmo, só garantiría un consumo reducido durante un máximo de 14 días.

 

Indicou que as temperaturas anormalmente elevadas das últimas semanas e a falta prolongada de chuvia fixo que a situación se agravase especialmente no sistema de abastecemento do Lérez, onde o caudal do río se reduciu de xeito abrupto desde inicios do mes, cunha diminución do 73% en menos de 20 días.

 

Concretou que a estación de aforo do Lérez presenta unha importante variación de caudal ao longo do día, polo que, para ter referencias fiables hai que ver o caudal medio obtido con datos de día completo. Neste sentido, os datos medios reflicten que o caudal segue a ser moi baixo, do 1,7 m³/s e de non adoptar medidas podería verse comprometido o subministro.

 
Responsabilidade e coordinación

No que se refire ás medidas tratadas na reunión, a conselleira destacou o consenso acadado entre os municipios para restrinxir ao máximo o uso innecesario da auga e adoptar medidas de xeito unánime, garantindo esa necesaria coordinación para garantir o abastecemento á poboación.

 

Acordouse que é imprescindible suprimir baldeos, regas de xardíns, lavapés e duchas nas praias, o enchido de piscinas, o lavado de coches, as fontes ornamentais e actividades lúdicas que malgasten a auga.

 

Lembrou que a Xunta vén advertindo desde febreiro dos problemas no sistema de abastecemento do Lérez e insistiu na necesidade de que os concellos actúen de xeito acordado.

Imaxes relacionadas