O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades participa na reunión de presentación do novo sistema de acceso á Universidade

A Xunta reclama ao Goberno central un novo modelo de ABAU xusto, uniforme e que garanta a igualdade de oportunidades entre as persoas

Román Rodríguez reivindica unha proba que permita o acceso igualitario para todos os estudantes a un sistema universitario de distrito único e non a través de 17 camiños diferentes

O modelo plantexado polo Ministerio non corrixe o principal problema, a desigualdade entre o alumnado das diferentes CCAA, e descarta unha ABAU única ou homoxénea

“O borrador presentado hoxe parece querer cambiar todo para que todo siga igual ou incluso peor”, destaca o conselleiro

Lamenta que o Ministerio non remitira ás CCAA con antelación a documentación para preparar a reunión, o que supón unha falta de lealdade institucional, mentres que si se difundiu previamente nos medios de comunicación

Destaca a vocación de diálogo e consenso por parte de Galicia para chegar a acordos, tendo en conta que a desigualdade está identificada como o principal problema

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou esta mañá na reunión convocada polo Ministerio de Educación y FP para presentar o novo sistema de acceso á Universidade. Unha xuntanza na que o representante da Xunta de Galicia reclamou “un novo modelo de ABAU xusto, uniforme e que garanta a igualdade de oportunidades”. Porén, tal e como sinalou Román Rodríguez, o modelo plantexado polo Ministerio non corrixe o principal problema, a desigualdade entre o alumnado das diferentes CCAA, e descarta unha ABAU única ou homoxénea, consolidando a fragmentación.

 

O titular do departamento educativo do Goberno galego lembrou que desde hai anos se están a producir desigualdades de xeito sistemático, que están a prexudicar a comunidades como Galicia ou Castela e León, que malia estar á cabeza de España en resultados académicos, quedan por baixo da media nas cualificacións da ABAU.

 

A este respecto, o conselleiro lembrou que a Xunta levou hai un ano esta petición a unha reunión no Congreso dos Deputados e que, a principios deste ano, xa trasladou tanto á ministra de Educación como ao de Universidades a necesidade de mudar este sistema, “que ten como problema principal a desigualdade que xera entre os alumnos”.

 
 

Rebaixa da esixencia

A proposta presentada hoxe “non corrixe a principal problemática que ten o actual sistema de acceso á universidade, dado que o Ministerio descarta de xeito absoluto facer unha proba única ou o máis homoxénea posible. Isto consolida as desigualdades entre os alumnos: temos unha única porta de entrada no sistema universitario español –que é de distrito único– e 17 camiños diferentes”, dixo o conselleiro. “É necesario avanzar para xerar igualdade entre os mozos cara un proceso de acceso o máis homoxéneo posible”, sinalou.

 

Román Rodríguez indicou que o Ministerio parece, entre outras cuestións, querer abordar a redución de probas e contidos, “que dá a sensación que sigue unha senda xa habitual por parte do Ministerio de reducir a calidade e o nivel de esixencia, o que nos parece intolerable”, salientou, lembrando que vai na liña de decisións anteriores do Estado como o decreto do aprobado xeral. “Temos que amosar a nosa sorpresa e a nosa decepción diante do borrador presentado hoxe, no que parece que se quere cambiar todo para que todo siga igual ou incluso peor”, salientou.

 

Desacordo coas formas

Román Rodríguez destacou que desde Galicia se leva tempo manifestando “unha vocación clara de buscar consensos e acordo, algo que non debería ser complicado tendo en conta que existe unha concordancia na identificación do problema principal, que é a desigualdade que hai entre os alumnos”, unha cuestión que a proposta presentada hoxe non aborda nin soluciona.

 

Neste sentido, manifestou “un desacordo absoluto coas formas”, dado que o Ministerio non remitiu ningunha documentación previa á reunión ata media hora antes, “unha información que deberiamos ter recibido as comunidades autónomas, desde a lealdade institucional, para preparar a xuntanza”. Porén, esta documentación difundiuse a través dos medios de comunicación esta mesma mañá, antes mesmo de recibila as CCAA.

Imaxes relacionadas