O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, participou na entrega de diplomas ás persoas que participan nesta iniciativa

A Xunta destaca o labor da Asociación Amicos a favor da inserción laboral de persoas con discapacidade co seu programa integrado de emprego

Un cento de persoas de Ribeira, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Noia e Porto do Son forman parte deste programa
 

Ao longo de todo o seu desenvolvemento, inclúe formación en diversas especialidades e en técnicas para a inserción laboral, así como prácticas en empresas e orientación específica
 

Ribeira (A Coruña), 27 de xullo de 2022

O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, puxo en valor esta mañá o traballo da Asociación Amicos para promover a empregabilidade de persoas con discapacidade a través do seu Programa Integrado de Emprego (PIE) 2021-2022, financiado pola Xunta de Galicia. Fíxoo no acto de entrega de diplomas aos participantes que tivo lugar no Auditorio Municipal de Ribeira.

 

Neste programa participan durante 12 meses un cento de veciños dos concellos de Ribeira, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Noia e Porto do Son. En concreto, conta con persoas con discapacidade, persoas novas con baixa cualificación, mulleres con problemas de conciliación e persoas maiores de 45 anos, entre outros perfís con dificultades de inserción laboral. Todas elas recibiron hoxe un diploma tras seis meses de formación en diversas especialidades e en técnicas para a procura de emprego, que se completarán cun módulo de prácticas non laborais en empresas.

 

Na súa intervención, o director xeral agradeceu a Amicos o seu traballo diario, a través de múltiples liñas de actuación, na atención ás persoas con discapacidade. Neste sentido, puxo en valor a vontade do Goberno galego por continuar apoiando e financiando accións que melloren a súa cualificación e incrementen as súas oportunidades de acceder a un emprego.

Imaxes relacionadas