A Xunta defende que o Porto de Ferrol busque co seu proxecto de renovables a transformación do tecido empresarial

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe na presentación desta iniciativa, que busca desenvolver un hub enerxético e industrial na dársena exterior
 

A proposta recolle a previsión de instalar enerxía renovable, coa participación, entre outros, de Reganosa e o Instituto Tecnolóxico de Galicia
 

O proxecto, preseleccionado pola Xunta de Galicia para optar ao Fondo de Transición Xusta, súmase á planta que promove Forestal del Atlántico en Mugardos para a produción de metanol verde e a de ensamblaxe de estruturas para eólica mariña de Nervión
 

Ferrol, 27 de xullo de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu hoxe á presentación do proxecto da Autoridade Portuaria de Ferrol para impulsar as enerxías renovables e contribuír á transformación sustentable do tecido empresarial.

 

Trátase dunha iniciativa que busca desenvolver enerxías renovables para subministrar enerxía ás empresas vinculadas á Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao.

 

Tal e como destacou o vicepresidente económico, no proxecto, preseleccionado pola Xunta de Galicia para optar ao Fondo de Transición Xusta, participan empresas punteiras do sector e con forte arraigo na comarca, como é o caso de Reganosa, que será o xestor enerxético da iniciativa, na que tamén colabora, entre outros, o Instituto Tecnolóxico de Galicia.

 

Francisco Conde indicou que este proxecto ten como obxectivo non só permitir avanzar no proceso de descarbonización da actividade portuaria na dársena ferrolá, senón que tamén vai contribuír a que as empresas vinculadas poidan ter unha garantía de subministración de enerxía a un prezo competitivo.

 

Segundo salientou o responsable de Economía, Industria e Innovación, a esta proposta pódenselle engadir, ademais, dúas iniciativas industriais que tamén se van desenvolver na contorna e nas instalacións do porto: o proxecto de Forestal del Atlántico en Mugardos para a produción de metanol verde; e a planta de ensamblaxe de estruturas para eólica mariña que Nervión Naval Offshore vai construír na propia dársena exterior, xerando así todo un ecosistema en torno ás enerxía renovables e a transformación sustentable do tecido empresarial.

Imaxes relacionadas