A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, asinaron hoxe un convenio de colaboración para o impulso da circularidade no ciclo integral da auga en Galicia

A Xunta e a Universidade de Santiago traballarán conxuntamente para converter en recursos produtos recuperados nas depuradoras, avanzando na economía circular da xestión da auga

O acordo, cunha achega autonómica de case 340.000€ e vixencia ata o 31 de maio de 2023, ten como fin pór en valor produtos xerados nas estacións de tratamento: enerxía, bioplásticos ou elementos de interese para determinados sectores industriais
 

Técnicos de Augas de Galicia e do centro CRETUS da USC abordarán a produción de enerxía en procesos de depuración, de ácidos graxos volátiles ou o aproveitamento da materia orgánica na liña de lodos
 

Tamén analizarán a capacidade das depuradoras para recibir e tratar residuos de fosas sépticas e avanzar nun modelo que integre o saneamento urbano e rural
 

A iniciativa enmárcase no proxecto Innovaugas 4.0, dotado con 7 M€ para buscar solucións innovadoras para a xestión das augas e responder ás novas demandas
 

O programa Innovaugas 4.0 foi galardoado como mellor iniciativa pública no sector da auga nos premios ‘Water Europe Innovation’

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2022

A Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela traballarán conxuntamente para converter en recursos produtos recuperados nas depuradoras, avanzando na economía circular da xestión da auga.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, asinaron hoxe un convenio de colaboración para o impulso da circularidade no ciclo integral da auga en Galicia, no marco do proxecto Innovaugas 4.0.

 

O acordo hoxe rubricado conta cunha achega autonómica de preto de 340.000 € e terá vixencia ata o 31 de maio de 2023.

 

Segundo detallou a conselleira, o obxectivo desta colaboración é poñer en valor todos os produtos que se xeran nunha depuradora, ademais da propia auga tratada: enerxía, auga apta para outros usos, bioplásticos, ácidos graxos volátiles ou outros elementos de interese para determinados sectores industriais e para a sociedade en xeral.

 

Para iso, os técnicos de Augas de Galicia e de CRETUS, o Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da Universidade de Santiago, realizarán unha diagnose de oportunidades de economía circular na xestión do ciclo da auga e establecerán metodoloxías de traballo para cuantificar os avances na recuperación de produtos nas distintas depuradora.

 

Os técnicos traballarán de xeito conxunto na consecución dunha percepción social favorable para usos de auga reciclada e dos recursos recuperados de augas residuais; e avanzarán en propostas para a implantación do modelo de economía circular.

 

Entre outras accións, abordarase o potencial de produción de enerxía en determinados procesos de depuración, afondarase nas posibilidades da produción de ácidos graxos volátiles, na obtención de bioplásticos, na identificación de barreiras ambientais que dificulten a utilización da auga rexenerada ou no aproveitamento da materia orgánica na liña de lodos.

 

Tamén se analizará a capacidade das depuradoras para recibir e tratar axeitadamente residuos procedentes de fosas sépticas, co fin de avanzar nun modelo de xestión que integre o saneamento urbano e rural.

 

Ethel Vázquez referiuse á economía circular como un proceso “profundamente transformador da sociedade” e salientou que o proxecto Innovaugas 4.0 pretende ser ese trampolín que nos impulse cara a ese obxectivo da circularidade utilizando sistemas de simulación avanzada na explotación de estacións depuradoras de augas residuais de tamaño mediano e pequeno.

 

Innovaugas 4.0

A colaboración asinada hoxe enmárcase no proxecto da Xunta Innovaugas 4.0, dotado con 7 M€, cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo Plurirexional de España (POPE) 2014-2020.

 

Trátase de buscar novas solucións para a xestión integrada das augas, optimizar os recursos hídricos e dar resposta a longo prazo ás demandas dos diferentes usos da auga.

 

A conselleira lembrou que para dar resposta ao reto da economía circular do programa Innovaugas, a Xunta ten en execución, cun investimento de máis de 1,5 M€, os servizos para o desenvolvemento dun sistema para optimizar o consumo enerxético e garantir a calidade da auga vertida ao medio.

 

Indicou que o propósito é acadar un servizo de tratamento e análise avanzado de datos en tempo real para facilitar a toma de decisións na xestión das plantas de tratamento de augas residuais e implantar os principios da economía circular no ciclo da auga.

 

Sinalou que a solución se desenvolverá, a modo de experiencia piloto, nas depuradoras de Baiona, Nigrán e Gondomar, co fin de cubrir o maior rango de procesos habituais destas instalacións de pequeno e mediano tamaño.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade, remarcou, ademais, que o programa Innovaugas 4.0 foi seleccionado en 2020 polo Ministerio de Ciencia e Innovación na Liña de Fomento da Innovación desde a Demanda e da Compra Pública Innovadora e galardoado recentemente como mellor iniciativa pública no sector da auga nos premios ‘Water Europe Innovation’.

Imaxes relacionadas