A Xunta adxudica por máis de 1M€ as obras da nova glorieta da Barquiña e da mellora da travesía na AC-550 ata a alameda de Noia

Os traballos teñen un prazo de execución de 10 meses e comezarán en setembro
 

Executarase unha nova glorieta, con calzada de carril único de 6 metros e con beiravías, e cun deseño que ten en conta a presenza de numerosas vivendas na súa contorna
 

Mellorarase un treito de 1,3 km da estrada autonómica, renovando a capa de rodaxe da travesía e redistribuirase o ancho da vía co fin de habilitar un itinerario peonil accesible
 

Renovaranse as beirarrúas entre a nova glorieta e a alameda, reorganizando a sección da estrada para evitar os aparcamentos indebidos, que provocan danos

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2022

A Xunta adxudicou por 1.058.447 euros as obras da nova glorieta no cruce da Barquiña e da mellora da travesía na AC-550 ata a alameda de Noia.

 

Os traballos, adxudicados á empresa Construcciones López Cao S.L., teñen un prazo de execución de 10 meses e comezarán, previsiblemente, no mes de setembro.

 

A actuación reforzará a seguridade viaria da intersección en cruz entre a estrada AC-550 e a estrada provincial de acceso ao porto da Barquiña, á altura do Eroski, no quilómetro 71+100.

 

Para iso, habilitarase unha nova glorieta de 26 metros de diámetro, cunha illa interior de 2 metros, calzada de carril único de 6 metros e beiravía interior e exterior. O trazado ten moi en conta a presenza de numerosas vivendas na contorna.

 

A nova rotonda mellorará as condicións de seguridade do cruce da Barquiña e favorecerá os movementos e xiros dos vehículos. Ademais, acondicionaranse os ramais de acceso á glorieta, renovando a capa de rodaxe.  

 

A intervención tamén comprende a mellora dun treito da estrada AC-550 ao longo de 1,3 km, entre a glorieta e a alameda de Noia. Está previsto renovar a capa de rodaxe da travesía e a redistribución do ancho da estrada, para habilitar un itinerario peonil accesible nunha das marxes.

 

A actuación incluirá a renovación de beirarrúas e suporá a reorganización da sección transversal da estrada, na que a día de hoxe hai un aparcadoiro insuficiente en ambas as marxes, o que provoca que os vehículos suban á beirarrúa e a deterioren.

 

Finalmente, os traballos completaranse coa instalación de sinalización horizontal e vertical e balizamento.