Os Bolechas presentan co apoio da Xunta un novo título dedicado ao Museo do Mar de Galicia

Numerosos nenos acudiron á institución viguesa para coñecer unha obra que achega unha panorámica da actividade mariñeira a través das pezas museísticas expostas

Vigo, 26 de xullo de 2022

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación do libro Os bolechas, no Museo do Mar de Galicia, editado co apoio da Xunta de Galicia e co selo da Editorial Bolanda. O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades sinalou este volume como “unha oportunidade para que os máis pequenos se embarquen dun xeito lúdico e didáctico no coñecemento da actividade mariñeira, de vital relevancia económica e social non só para a cidade de Vigo, senón tamén para o conxunto da Comunidade”.

 

No acto de presentación, que se desenvolveu no centro museístico, os Bolechas estiveron acompañados por numerosos nenos desexosos por descubrir o mundo do mar e os tesouros que a propia entidade agocha no seu interior. Así mesmo, participou a directora do Museo do Mar de Galicia,  Marta Lucio.

 

Valéndose das pezas museísticas expostas, Os Bolechas desentrañan polo miúdo neste libro o universo do mar, navegando entre as profesións a el vinculadas, as tipoloxías de embarcacións e aparellos existentes e as especies de animais mariños características de Galicia.