A Xunta adxudica por máis de 2,2 M€ as obras de mellora do firme na LU-113 no concello de Abadín

Os traballos contan cun prazo de execución de 6 meses e iniciaranse en agosto

Rehabilitarase e acondicionarase o firme ao longo de 7,8 km, comezando á altura do enlace coa estrada LU-121 e rematando na conexión coa autovía do Cantábrico

Acometeranse actuacións que redundarán na mellora das condicións da vía, complementadas con outras intervencións que incrementen a capacidade estrutural do firme, co fin de adaptalo ao tráfico que soporta e acadar unha vida útil axeitada

Mellorarase a seguridade coa execución de cunetas, sinalización horizontal, tacos de resalto e captafaros, para mellorar as actuais prestacións da estrada

O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue traballando na mellora e conservación da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas seguras e eficientes
 

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por máis de 2,2 M€ as obras de mellora do firme na estrada autonómica LU-113, ao seu paso polo concello de Abadín.

 

Os traballos, adxudicados á empresa Construcciones Isidro Otero, S.L., contan cun prazo de execución de 6 meses. O contrato asinarase nos vindeiros días e prevese que as obras comecen xa en agosto.

 

O obxecto da intervención é o acondicionamento e rehabilitación de firme ao longo dos últimos 7,8 km do treito da LU-113, de Moncelos a Abadín, que redundarán na mellora das condicións da vía e reforzarán a seguridade viaria.

 

Máis en detalle, as actuacións realizaranse no tramo da estrada comprendido entre o punto quilométrico 22+800, á altura do enlace coa estrada LU-121, ata o remate da estrada no quilómetro 30+600, na conexión coa autovía do Cantábrico.

 

Repararanse as zonas do firme que presenten fisuras e os treitos máis deteriorados en zonas puntuais ou con esgotamento estrutural do firme, complementadas con outras intervencións que incrementen a súa capacidade estrutural, co fin de adaptalo ao tráfico que soporta e permitindo acadar unha vida útil axeitada.

 

Os traballos incluirán un reforzo do firme segundo as necesidades deste tramo da estrada LU-113, superficial ou máis profundo de saneo, dependendo do deterioro, así como o estendido dunha nova capa de rodaxe.

 

Realizaranse fresados localizados cun espesor de 10 cm e a reposición realizarase de mestura bituminosa co mesmo espesor de 10 cm.

 

Tamén se executarán saneos localizados nas zonas deformadas e con esgotamento estrutural repoñendo o solo de cemento actual de base con material procedente do fresado.

 

Ademais, actuarase no recrecido do firme a calzada completa, en todo o ancho da plataforma.

 

Para a mellora da drenaxe da estrada, executarase unha cuneta de seguridade revestida en formigón, que disporá de tubo “dren” para evitar as filtracións á explanada.

 

Proxéctanse, ademais, un conxunto de intervencións de mellora da seguridade vía: cunetas, sinalización horizontal, tacos de resalto, captafaros, que teñen por obxecto mellorar as actuais prestacións da estrada en beneficio dos usuarios.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora e conservación da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas seguras e eficientes.