A Xunta inicia as obras dunha nova senda na estrada autonómica AC-301 no concello de Rois

Os traballos contan cun investimento autonómico de 725.000 € e teñen un prazo de execución de 8 meses

A senda partirá da contorna do polígono, discorrendo pola marxe esquerda da antiga estrada AC-299 e continuando pola marxe dereita da AC-301

As obras incluirán unha mellora puntual do trazado da vía e a reconstrución dunha intersección, mantendo o sistema de semiglorieta

A través destas actuacións a Xunta favorece os desprazamentos a pé ou en bicicleta dun xeito cómodo e seguro, fomentando tamén unha mobilidade máis sustentable

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou as obras dunha nova senda na estrada autonómica AC-301 no concello de Rois.

 

Os traballos, que contan cun investimento autonómico de 725.000 euros, centraranse na execución dun itinerario de 820 metros de lonxitude, cun ancho mínimo de 1,8 metros e pavimento de formigón en cor. As obras teñen un prazo de execución de 8 meses.

 

Hoxe comezaron as tarefas de tala e desbroce no espazo preciso para a senda. Dita senda iniciarase na contorna das naves do polígono industrial, discorrendo pola marxe esquerda da antiga estrada AC-299 e continuando pola marxe dereita da estrada AC-301.

 

No cruce entre estas dúas estradas, materializada mediante unha glorieta situada á altura do punto quilométrico 2+250 da AC-301, a senda discorrerá polo bordo oeste, aproveitando a berma existente no muro do estribo do viaduto da liña ferrocarril de alta velocidade A Coruña–Vigo.

 

O itinerario irá pola marxe da estrada en todo o percorrido e separado da calzada por un bordo de 10 centímetros sobre o pavimento da plataforma, agás no treito de intersección da estrada AC-301 coa antiga AC-299.

 

Ademais, na zona do punto quilométrico 2+450 mellorarase o trazado actual do tronco aumentando os radios de curvatura e repoñerase o camiño de servizo. No punto 2+520 reconstruirase a intersección na marxe dereita, mantendo a tipoloxía de semiglorieta.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na dotación de sendas nas estradas autonómicas para favorecer os desprazamentos dos cidadáns a pé ou en bicicleta dun xeito máis cómodo e seguro co fin de fomentar a mobilidade sustentable.

Imaxes relacionadas