A Xunta organiza en Redondela un curso básico de manipulación de produtos fitosanitarios

A acción formativa, de 27 horas de duración total, terá lugar do 1 ao 6 de agosto no Centro Cultural Multiusos da Xunqueira

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2022

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar unha acción de formación profesional e adquisición de competencias básicas para a manipulación de produtos fitosanitarios. Terá lugar no Centro Cultural Multiusos da Xunqueira, na localidade pontevedresa de Redondela, do 1 ao 6 de agosto. Canto ao horario, dos días 1 ao 5 desenvolverase en horario de tarde (das 16:00 horas ás 20:30 horas), mentres o 6 será en horario de mañá (das 9:30 horas ás 14:00 horas).

O programa deste curso trata unha serie de nocións esenciais no tratamento de fitosanitarios, para o cal toma como base o Real decreto polo que se establece o marco de actuación para conseguir un uso sostible dos produtos fitosanitarios. Así, a acción terá catro bloques de contido, comezando pola clasificación e descrición das pragas dos cultivos e continuando coa dos propios produtos fitosanitarios e o seu manexo.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende neste caso proporcionar os coñecementos necesarios para un uso sostible dos produtos fitosanitarios, tomando como base a unhas prácticas axeitadas na explotación e tendo sempre como base o respecto polo medioambiente e a seguridade e hixiene tanto alimentaria como dos propios usuarios. Ademais, o carácter presencial deste obradoiro permite que os alumnos do curso podan ver en directo todo tipo de recursos empregados neste eido.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 609 83 28 62, ou enviarse un correo a atorres@epseaga.com