A Xunta presidirá o comité de dirección da reserva da biosfera do Gerês-Xurés os dous próximos anos

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, asumirá esa responsabilidade


Avanza accións de restauración e mellora do estado de conservación dos hábitats deste ámbito, así como labores de sinalización e de dotación de infraestruturas públicas


Para o período 2022-2023, a Xunta destina un total de 6,4 millóns de euros para as 7 reserva das biosferas galegas
 

 

Santiago de Compostela, 25 de xullo de 2022 A Xunta vén de asumir a presidencia do comité de dirección da Reserva da biosfera Gerês-Xurés durante os dous próximos anos, unha responsabilidade que asumirá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo.

 

Nunha reunión celebrada recentemente no centro de Educación Ambiental do Vidoeiro, na localidade portuguesa do Gerês, tamén se aprobou o Plan de acción da Reserva da biosfera 2022-2025, que inclúe catro eixes primordiais de actuación: o desenvolvemento socioeconómico; a conservación da natureza; a participación social e integración dos axentes locais, institucións públicas e os habitantes desta área, e a identidade e imaxe desta figura.

 

Todas as accións enmarcadas neste plan de acción repercutirán nos 12 municipios que conforman este espazo protexido, dos que a metade son galegos ¾Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños¾.

 

A maiores, durante o comité de dirección, Belén do Campo recordou que o Goberno galego destina ao conxunto das 7 reservas da biosfera galegas un total de 6,4 millóns de euros, para o período 2022-2023. Este investimento permite financiar a instalación de observatorios para aves, accións de recuperación de vexetación de ribeira nos ríos ou de eliminación de especies invasoras e alóctonas, accións de concienciación, mellora de sendas e áreas de descanso ou colocación de sinalización,  entre outros tipos de proxectos que promovan a conservación e xestión da biodiversidade e dos recursos naturais, o fomento do desenvolvemento sostible e a mellora do patrimonio nas reservas.

 

Tamén avanzou que, no caso concreto na Reserva de Biosfera do Gerês-Xurés, se levarán a cabo 3 accións tanto para restaurar e mellorar o estado de conservación dos hábitats como para adecuar, sinalizar e dotar de infraestruturas de uso público a este espazo protexido.

Imaxes relacionadas