Fernández-Tapias entrega as compostelas aos tripulantes da Iacobus Maris e celebra “o éxito do regreso dos grandes veleiros a Vigo” coa ruta marítima xacobea

A delegada territorial da Xunta pechou os actos da travesía náutica co reparto das acreditacións aos peregrinos no porto de Vigo

“A iniciativa converteu á cidade durante catro días no epicentro da cultura, tradición e patrimonio marítimo”, sinalou

As tripulacións completaron o sábado en Compostela a súa peregrinación para conmemorar a viaxe do corpo do Apóstolo Santiago
 

Vigo, 24 de xullo de 2022.-

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, pechou este domingo no peirao de Transatlánticos os actos da Ruta Iacobus Maris, a frota de veleiros que converteu á cidade durante catro días no porto base da ruta xacobea máis longa da historia.

 

Acompañada polo presidente da Autoridade Portuaria, Jesús Vázquez Almuiña, e o presidente da Fundación Traslatio, Mario Cardama, a representante autonómica fixo entrega das Compostelas a parte dos 150 tripulantes que completaron a súa peregrinación marítima.

 

Peregrinación a Compostela

Os participantes na Ruta Iacobus Maris completaron o sábado na capital galega a súa peregrinación para conmemorar a viaxe do corpo de Apóstolo ata Santiago de Compostela. Tras chegar a Vigo, os tripulantes realizaron o resto do seu percorrido cunha travesía en catamarán desde Vilanova de Arousa ata Pontecesures, e posteriormente fixeron o tramo a pé desde Milladoiro ata a Catedral de Santiago.

 

A ruta xacobea marítima estivo dividida en catro etapas e visitou cinco portos ao longo dunha peregrinación de 1.600 millas náuticas que partiu da localidade italiana de Xénova o pasado 26 de xuño e que chegou o venres a Vigo tras tocar os portos de Valencia (1 ao 3 de xullo), Sevilla (8 ao 10) e Oporto (16 ao 19).

 

Catro días de actividades

O village instalado no peirao de Transatlánticos ofreceu catro días de actividades para nenos e maiores, con xogos infantís, casetas de comida e bebida, concertos na noite do venres e o sábado e visitas guiadas e de balde aos barcos.

 

“É indubidable o éxito do regreso dos grandes veleiros a Vigo, eventos como esta ruta marítima contribúen de forma decisiva a colocar a Galicia no mapa, e a Vigo no lugar que se merece neste dobre Ano Santo, reivindicando o seu papel central no Camiño de Santiago e no Camiño Portugués da Costa”, apuntou Marta Fernández-Tapias.

 

Embarcacións participantes

Os barcos que aínda estarán este domingo coas súas portas abertas son os españois VO70 “E1”, “Atyla”, “Pascual Flores”, “Atyla”, “Peregrina” e “Evangelina”; o portugués “Vera Cruz”, e o francés “Etoile”.

 

“Esta iniciativa converteu á cidade durante catro días no epicentro da cultura, tradición e patrimonio marítimo, porque a Iacobus Maris é unha ruta que achega valor engadido a Vigo e Galicia, polo que o Goberno galego vai a estar sempre dando apoio á cidade e a calquera iniciativa deste tipo”, sinalou Fernández-Tapias.

 

Imaxes relacionadas