O nodo galiciA avanza na elaboración da candidatura para acoller a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial

Os indicadores sociodemográficos de Galicia sitúan á Comunidade con vantaxe cara a dar cumprimento aos obxectivos do proceso de descentralización de organismos impulsado polo Goberno de España, plantexado coa finalidade de promover a vertebración territorial, a atracción de talento novo e a fixación de poboación
 

A Comisión de Seguimento do Nodo galicIA destaca a ausencia na nosa Comunidade de sedes de axencias estatais
 

A aposta por impulsar unha eurorrexión especializada en estas tecnoloxías e o feito de que Galicia conte cunha lingua cooficial que deben ter presenza no novos contextos dixitais serán elementos diferenciais da candidatura galega
 

Os integrantes do Nodo comprometéronse a traballar na proposta de valor de Galicia durante as vindeiras semanas pare ter ultimado en setembro o documento da candidatura
 

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2022 A Comisión de Seguimento do nodo galicIA -nodo galego de Intelixencia Artificial- reuniuse esta semana para avanzar na elaboración dun documento que avale a candidatura galega para acoller a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA). Os responsables do Nodo agardan que na próxima semana, o Goberno de España inicie o proceso para a selección da sede desta axencia de nova creación de acordo co Real Decreto de descentralización de entidades pertencentes ao sector público institucional estatal.

 

Na reunión participaron, por parte da Xunta de Galicia, representantes da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e das consellerías de Facenda e Administración Pública; Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades; e Sanidade. Asistiron tamén representantes das tres universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia e da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal (GNP-AETC).

 

Os asistentes destacaron a boa posición de Galicia para acoller a AESIA en aspectos diferenciais como o de apostar por un espazo de colaboración transfronteirizo no marco da Eurorexión, contar cunha lingua propia e dispoñer dun ecosistema dixital dinámico e en crecemento, que actúa como denominador común da transformación dixital da economía e da sociedade galega.

 

No encontro púxose de manifesto que os parámetros sociodemográficos de Galicia, sitúan a esta Comunidade como rexión prioritaria no marco dos obxectivos políticos do proceso de descentralización impulsado polo Goberno de España para a vertebración do territorio. Neste sentido, a descentralización administrativa da prioridade aos territorios nos que é preciso atraer talento novo e favorecer o crecemento demográfico. A porcentaxe de persoas maiores de 65 anos en Galicia é dun 26,09%, o que sitúa á nosa Comunidade entre as tres máis envellecidas de España, onde a media é do 20,09%. Por outra banda, Galicia concentra 30.000 das 60.000 entidades de poboación de toda España e o índice de dispersión é dun 16,5%, fronte ao menos do 4% da media española.

 

Os asistentes destacaron tamén o feito de que Galicia non acolla a sede de ningunha axencia estatal, outro dos aspectos que serán tidos en conta para as novas asignacións.

 

En canto ao proceso de especialización de Galicia, o documento destaca as iniciativas da Comunidade en canto á transformación dixital a través da Estratexia Galicia Dixital e  Estratexia Galega de Intelixencia Artificial (EGIA) ou a posta en marcha do Marco Galego de Competencias Dixitais. Galicia está, neste sentido, nunha posición de vangarda, ao ter afrontado retos como o estudo sobre o marco ético e normativo para as tecnoloxías intelixentes ou o proxecto Nós para situar á lingua galega nas linguaxes e contornas dixitais.

 

O documento destaca a xeración de coñecemento en Galicia en torno á Intelixencia Artificial a través de centros singulares de investigación; así como o carácter robusto do ecosistema TIC. Galicia conta con dous ‘hubs’ de innovación que suman as capacidades de máis de 4.200 empresas e entidades que empregan a 120.000 persoas, o que representa o 10% do emprego de Galicia. O sector tecnolóxico conta na nosa Comunidade con 2.961 empresas que xeran un volume de negocio de 2.908 millóns de euros. Ademais, o sector creou 1.397 postos de traballo en 2021, un 7,2% más que el año anterior, e o maior incremento dos últimos cinco anos ata acadar a cifra de 20.740 empregados.

 

A Comisión de Seguimento do Nodo GalicIA comprometeuse a avanzar nas vindeiras semanas na proposta de valor da candidatura galega agardando que a convocatoria para a presentación das candidaturas, incluíndo os criterios específicos que se terán en conta e que se publicarán en breve, tal como foi comunicado dende o Ministerio de Economía e Transformación Dixital co obxectivo de tela ultimada en setembro.

 

 

Imaxes relacionadas