Valentín García salienta a capacidade do Xacobeo Clarinet Fest para divulgar ao gran público o papel da música instrumental na nosa cultura

O secretario xeral de Política Lingüística asiste á clausura da terceira edición do festival que reuniu na capital do Deza a recoñecidos clarinetistas, directores de orquestra e pianistas

Lalín (Pontevedra), 23 de xullo de 2022

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu á clausura da terceira edición do festival Xacobeo Clarinet Fest, que reuniu na capital do Deza a recoñecidos clarinetistas de diferentes nacionalidades e prestixiosos directores de orquestra e pianistas.

 

O representante de Cultura da Xunta salientou a capacidade desta iniciativa para ser quen de mellorar en cada edición e contribuír a “divulgar ao gran público o importante papel da música instrumental na cultura e facelo, ademais, desde Lalín, que conta cunha destacada tradición musical”.

 

O Xacobeo Clarinet Fest 2022, que impulsa o Concello de Lalín co apoio da Xunta, incluíu unha vintena de concertos, exposicións, conferencias e clases maxistrais desde o 15 de xullo ata o 23 de xullo. A xornada final pechou na praza de Igrexa, onde participaron tanto os alumnos como os profesores. Estivo dirixido por José Franch Ballester, director artístico do Ensemble MiXt.